Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Alfoz presentará alegacións ao proxecto da hidroeléctrica en defensa dos veciños

Alfoz, 23 de febreiro de 2022. O Grupo Municipal de Alfoz anuncia que presentará alegacións ao proxecto da hidroeléctrica en defensa dos veciños. Os populares continúan así demandando que esta iniciativa, que está a tramitar o Ministerio de Transición e Reto Demográfico, non prexudique ao desenvolvemento do municipio, tal e como veñen manifestando publicamente os afectados.

As alegacións xirarán en torno a cuestións que os propios veciños expresaron en distintas xuntanzas e nos medios de comunicación. Deste xeito, a primeira delas está dirixida a que o proxecto garanta a seguridade ao afectar á cunca do río, así como ás vivendas situadas no núcleo de Lagoa, e que se verían afectadas pola instalación da infraestrutura que se pretende levar a cabo nas súas inmediacións.

Por outra banda, e en materia laboral, engaden que non se garantirán os postos de traballo que se pretenden crear, pois “a xente non sabe que vai pasar coas súas terras e coa actividade que desenvolven nelas que ao final é o seu medio de vida”.

O proxecto supón, ademais, “un atentado medioambiental”, dado que a zona na que está proxectado “impactará negativamente no territorio”, ademais de estar dentro dunha demarcación declarada Reserva da Biosfera.

A nivel social, “a incerteza é moi considerable”, afirman. “A xente está moi preocupada porque vai cambiar o seu modo de vida, así como a súa imaxe. E isto psicoloxicamente tamén afecta”, remarcan. Relacionado con isto, explican, está o factor do despoboamento, “xa que os veciños descoñecen se van poder seguir vivindo aquí ou se teñen que ir a outro municipio”.

Ao carón dos veciños
As alegacións son unha medida máis coa que os populares continúan defendendo os intereses dos veciños afectados. En días pasados demandaron tamén máis información ao Concello sobre esta iniciativa, engadido que non se pode presentar e facer público o apoio sen antes explicarlles aos afectados a envergadura desta obra, así como as afectacións que poida ter tanto positivas como negativas.

Exit mobile version