Santiago, 7 de febreiro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe “evitar debates que non contribúen ao bo éxito” da implantación da primeira fábrica de fibras téxtiles de España en Galicia e demandou ao Goberno central que axilice a tramitación dos fondos europeos Next Generation que contribúan á realización deste proxecto por parte da empresa portuguesa Altri.
Pedro Puy explicou que o Grupo Popular centrará as súas proposicións non de lei no Pleno desta semana no ámbito industrial, “nun momento no que estamos coñecendo datos moi positivos sobre a capacidade da industria galega, que mantén ao sector, en relación ao conxunto do valor engadido creado, por enriba da media de España”.
O ESTATUTO ELECTROINTENSIVO NON FUNCIONA
“Vemos que, aínda que a industria galega está sufrindo un proceso de fonda transformación, os datos de exportacións amosan que, en vez de vivir unha crise industrial xeneralizada, hai sectores que están comportándose de forma moi positiva”, como a automoción, o agroalimentario, o metal-mecánico, a madeira, o forestal, os produtos minerais, a industria química, o naval ou os produtos de caucho, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, asegurou que “Galicia non ten unha crise industrial xeneralizada, senón que se observa onde está focalizada: nas industrias electrointensivas”.
Deste xeito, o Grupo Popular insistirá na sesión plenaria desta semana na necesidade de que as industrias hiperelectrointensivas teñan un axuste ou un estatuto adecuado, “vendo que o que aprobou o Goberno central non está a funcionar e non lles permite ser competitivas”.
Así mesmo, Pedro Puy anunciou que a iniciativa completarase cunha solicitude para que se busque unha solución á situación da empresa Alu Ibérica en A Coruña, “despois de que a Xunta xa avisara de que a solución adoptada non era satisfactoria e que o procedemento está a piques de rematar e todo parece apuntar cara ao peche da empresa”.
PRIORIDADE PARA A FÁBRICA DE FIBRAS TÉXTILES
En segundo lugar, Puy explicou que o Grupo Popular demandará no Pleno que a Xunta priorice o proceso de deseño da primeira fábrica de téxtiles en España que permita pechar o ciclo da produción de madeira en Galicia, ao tempo que o Goberno central establece liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento deste proxecto coa maior celeridade posible.
O portavoz popular lembrou que os Next Generation son “unha gran oportunidade para transformar algúns dos sectores produtivos galegos cara un sistema máis dixitalizado, máis sostible, que garanta a continuidade na produción sen danos ao medio ambiente e aproveitando os bens materiais existentes en Galicia”.
Respecto da proxecto da fábrica de fibras téxtiles, Pedro Puy afirmou que se trata dun “proxecto maduro, xurdido no Comité de Expertos económicos creado pola Xunta durante a pandemia e fomentado a través da sociedade Impulsa Galicia, constituída para tramitar axilmente os fondos europeos”. “A Xunta fixo xestións e hai un investidor interesado: a empresa portuguesa Altri, que neste momento está a valorar diferentes localizacións en Galicia”, dixo. En concreto, apuntou que “o destino definitivo virá marcado polas necesidades de criterios medioambientais e por todos os recursos necesarios para instalar esta factoría, entre outros a necesidade de auga doce”.
“Entendemos que este proxecto estea a levantar tanto interese, o que non entendemos, tendo presente a súa importancia, é que se abran debates que só poden contribuír a evitar o bo éxito desta iniciativa”, sinalou, para concretar que “o noso interese preferente é que a localización sexa na provincia de Lugo, pero o principal é que este proxecto saia adiante, para o que é indispensable que o Goberno central contribúa coa dotación de fondos europeos”.