Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP avisa da necesidade de que o Concello comprobe se a central hidroeléctrica que se proxecta en O Valadouro pode afectar ao subministro de auga a Foz

Foz, 4 de febreiro de 2022. O grupo municipal do PP de Foz comprobou con preocupación na máis recente sesión plenaria que o alcalde, Fran Cajoto (PSOE), non comprendera ata o momento á incidencia decisiva que pode ter para o municipio a construción da central hidroeléctrico que se proxecta en O Valadouro. O PP espera que, unha vez que explicou a Cajoto como pode influír dita infraestrutura en Foz, se tome en serio este asunto e o siga con moita atención. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “O grupo municipal popular preguntou no pleno ordinario ao alcalde se o equipo de goberno estaba ao tanto dese proxecto de construción dunha central hidroeléctrica en O Valadouro, unha central que suporía a realización de dous encoros”. Castiñeira lembra que “o equipo de goberno local vén de anunciar innumerables alegacións a diferentes proxectos que afectan ao noso concello: o espigón na praia do Altar e a varios parques eólicos”. Engade: “No caso da central hidroeléctrica que se proxecta en O Valadouro, a resposta do alcalde sorprendeunos moito; supoño que por descoñecemento do propio proxecto, dixo que non afecta para nada ao municipio de Foz e que polo tanto non tiñamos nada que pintar nese proxecto”.

Os populares aclararon a Cajoto “que si afecta ao concello de Foz, porque ese encoro faise nun rego que verte no río Ouro, que pasa polo medio do noso municipio, dende San Acisclo ata Fazouro”. Castiñeira di: “É un río moi importante para o noso concello, non só pola importancia medioambiental que ten e porque existe unha piscifactoría; o máis importante de todo é que o Ouro é o río do que capta a auga o concello de Foz, o 90%. Polo tanto, calquera variación do caudal dese río pode afectarnos, especialmente en verán, cando xa vai moi xusto para dar auga á cantidade de xente que hai no noso concello, canto máis se falla o caudal”.

O PP non se posiciona nin a favor nin en contra desa central, pero pide ao equipo de goberno o mesmo interese que noutros casos, porque afecta ao Concello de Foz. Castiñeira di: “Estamos pendentes de ampliar o permiso de captación, e nos informes pode constar esta circunstancia; hai que mirar se esa central hidroeléctrica podería afectar de forma negativa ao caudal do río Ouro; señor alcalde non se esqueza disto porque nós cremos que si pode afectar ao concello de Foz e de maneira bastante importante”.

Exit mobile version