Mondoñedo, a 26 de febreiro de 2022. O Concello de Mondoñedo acóllese ao Plan Hurbe para a mellora de espazos urbanos. O Plan Hurbe, impulsado pola Xunta, dá resposta á necesidade da humanización das vilas de Galicia, atendendo á realidade sociodemográfica de cada un deles. Dentro dese plan, o Concello pretende levar a cabo a mellora da accesibilidade á zona de Os Castros dende a rúa Rocha de Vélez, un proxecto que ten un orzamento de 173.868,06 euros. A zona na que se prevé intervir está dentro do plan especial de protección e reforma interior. Para levar a cabo este proxecto será preciso conseguir algúns terreos; para unha parte, o Concello xa chegou a un acordo con 2 propietarios. Noutro caso, prepara a expropiación, dado que se descoñecen os propietarios.
Na memoria do proxecto indícase que esta actuación prográmase dado que o estado dunha parte importante dos muros de contención que conforman esta rúa, na súa confluencia coa antiga N-634, atópanse en moi mal estado de conservación; nalgúns tramos sufriron derrubes, polo que se require unha reconstrución dos mesmos.
Explícase na memoria que “xorde entón a oportunidade de realizar a reconstrución variando lixeiramente as aliñacións co fin de facilitar o acceso á zona de vehículos de emerxencias e os necesarios para o mantemento do conxunto construído actual”.
Esta rúa bordea a zona coñecida como Os Castros de Mondoñedo, na que se atoparon vestixios dun castro, sobre o que o plan xeral recentemente aprobado establece unha zona verde con fin arqueolóxico. Este futuro parque arqueolóxico tería dende a rúa Rocha de Vélez o seu principal acceso con vehículos. Habilitar esta rúa supón poder acceder ao futuro parque do Castro que, aínda que só sexa para mantemento, require un acceso de vehículos.
Tamén se busca mellorar o entorno do cemiterio municipal.
Por outro lado, é imprescindible a mellora da accesibilidade ás vivendas e parcelas existentes neste ámbito dos vehículos de emerxencias. Igualmente, búscase conseguir a posta en valor desta parte da cidade.