Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reivindicou hoxe o novo acordo de pesca asinado entre España e Portugal que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro de 2022, tras ser negociado polos ministros de pesca español e luso en xuño do ano pasado. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca da Cámara galega.
“Elimínase por fin a desvantaxe na que se atopaba a nosa flota”, sentenciou a dirixente socialista quen aplaudiu o acordo que xa rexe as condicións para o exercicio da actividade pesqueira que desenvolven as flotas española e portuguesa nas augas limítrofes durante os próximos 5 anos, xa que permite unha “mellor xestión dos recursos” e “ofrece estabilidade ás flotas de ambos países”.
Neste sentido, a responsable socialista puxo en valor a “negociación” levada a cabo polo ministro de Pesca do goberno de España, Luis Planas, e o ministro do Mar portugués, xa que agora o sector pesqueiro español “ve atendidas as súas demandas” en canto á harmonización de horarios, vedas biolóxicas e medidas técnicas que deberán cumprir para “acadar así a reciprocidade” entres ambos países.
Ao fío disto, Otero lembrou que os acordos anteriores supoñían unha “importante desvantaxe competitiva” para a flota española, “tal e como denunciaba o sector”, xa que “xogábamos cunhas regras diferentes nun mesmo espazo de traballo e de mercado”, o que supoñía unha “discriminación” para a flota española.
Neste marco, a dirixente socialista reivindicou o traballo parlamentario dos diferentes grupos na Cámara galega que “sempre manifestaron a necesidade de renegociar este acordo”. “Este é un beneficio acadado de xeito colectivo no que foron fundamentais tamén as actuacións do sector pesqueiro”, subliñou.
Por último, Otero defendeu a arte do arrastre que “non pode demonizarse”. “Entre todos temos que traballar para cambiar esa visión de que o arrastre é o culpable do impacto negativo sobre os stocks”, concluíu.