Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central priorice a fábrica de fibras téxtiles na provincia de Lugo e medidas para as electrointensivas

Santiago, 1 de febreiro de 2022. O Grupo Popular centrará as súas proposicións non de lei do Pleno da vindeira semana no sector industrial coa solicitude para que se dea prioridade á construción da primeira fábrica de fibras téxtiles de España na provincia de Lugo, para o que se reitera ao Goberno central a necesidade de establecer liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation; e reiterando a necesidade de que o Goberno de España adopte medidas en favor das industrias electrointensivas, principalmente rebaixando o prezo da luz.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Medio Ambiente para informar sobre as políticas da Xunta na loita fronte ao cambio climático.

MÁIS DUN ANO TRABALLANDO NO DESEÑO

Respecto das proposicións non de lei, Puy manifestou que “solicitaremos ao Goberno galego que dea prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles de España na provincia de Lugo, unha aposta estratéxica xa que permitiría pechar o ciclo de produción de madeira en Galicia”.

O portavoz popular lembrou que a Xunta leva máis dun ano traballando no deseño dun polo para a transformación de Galicia que inclúe, entre outros proxectos, o desenvolvemento dunha fábrica de fibras téxtiles sostibles, primordial para o futuro da industria da moda e do sector industrial galego. “Este proxecto, que xa conta coa colaboración dun socio investidor, permitirá producir ata 200.000 toneladas de fibras sostibles ao ano, mobilizando un investimento de 800 millóns de euros e a creación de 1.500 postos de traballo”, apuntou.

INSISTIR NA REBAIXA DO PREZO DA LUZ

En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno central unha serie de medidas en favor da industria electrointensiva, relacionadas coas compensacións polos custes indirectos de CO2, as poxas de interrumpibilidade, a supresión das peaxes de transporte, a exención dos cargos de renovables e coxeneración, e a exención do imposto de xeración eléctrica.

Pedro Puy sinalou que esta iniciativa parlamentaria “coincide nun momento no que os traballadores de empresas como Alcoa ou Alu Ibérica viven unha situación límite, que non vai mellorar se o Goberno central non adopta medidas que permitan rebaixar o prezo da electricidade para que estas industrias poidan producir en igualdade de condicións cos seus competidores europeos”.

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola situación na que se atopa a elaboración dos novos currículos derivados da aplicación da LOMLOE para a súa aplicación en Galicia; as accións postas en marcha para iniciar o desenvolvemento do plan da cultura marítima de Galicia; e as consecuencias provocadas nos patrocinadores pola negativa do Goberno central de non estender as desgravacións fiscais ao Xacobeo ata o 31 de decembro de 2023.

Exit mobile version