Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local lémbralle ao BNG de Viveiro que a actualización do IPC na tarifa da auga foi aprobada por unanimidade en 2003

Viveiro, 24 de febreiro, 2022. En relación á nota de prensa enviada aos medios de comunicación pola voceira do BNG de Viveiro contra o que ela califica de “tarifazo” da auga, o concelleiro de Economía e Facenda, Jesús Fernández, indica que non se corresponde coa realidade, “actuando polo tanto como noutras ocasións para tratar de desvirtuar tanto á alcaldesa, María Loureiro, como ao resto de compañeiros e compañeiras da corporación municipal”.

O BNG indica que foi o goberno do PSOE en 2003, á petición da empresa concesionaria de auga, o que incluíu o IPC como excusa para subir os prezos de forma desproporcionada e incide que é algo actualmente fóra de lei, o cal non é verdade, senón que se lle está dando cumprimento a unha modificación acaecida en dito ano.

O que non indica a voceira do BNG é que nesas datas, no pleno celebrado o día 30 de outubro de 2003, o BNG estaba cogobernando en Viveiro co PSOE con tres concelleiros. En dito pleno foi aprobado por unanimidade dos 16 membros presentes (5 do PSOE, 3 do BNG, 7 do PP e 1 de IU) o seguinte acordo:

a) a modificación da cláusula contractual aplicando as tarifas da auga para o 2004 a subida do IPC interanual.

b) establecer como criterio no contrato de revisión das tarifas o IPC interanual no mes de setembro.

Así mesmo, na comisión informativa celebrada o día 29 de outubro de 2003 ditaminárase favorablemente, por unanimidade, esta proposta.

No pleno celebrado en decembro de 2021, esta actualización foi aprobada con catorce votos a favor (7 do PSOE, 5 do PP, 2 de Por Viveiro) e un en contra do BNG.

Vemos un exercicio de alarmismo infundado por parte da Sra. Bermúdez para seguir mentíndolle aos veciños cando se está respectando un acordo plenario e unha modificación contractual coa empresa da auga.

Por parte do goberno municipal, como xa levamos desmostrando nos últimos exercicios, non se incrementaron os impostos e as taxas, agás nalgún momento puntual o incremento do IPC para algúns contratos asinados con esta referencia.

A realidade desta medida da actualización deste IPC na tarifa da auga, tal e como xa se explicou no seu día, oscila entre 0,02 € e 0,17 €, dependendo do tipo de consumos. O contrato de subministros actualízase subindo 1,09 € e o enganche á rede xeral sube 5,62 €. Mentres que no caso da depuración oscila entre 0,06 € e 0,10 € para todos os tramos dita subida.

Esta revisión prevista no contrato suscrito coa empresa concesionaria é imprescindible para cubrir o custo da prestación, de xeito que se axuste entre custe directo do servizo/rendemento.

Unha cousa é oposición e outra desesperación, como mostra de novo a concelleira do BNG, que parece que está desesperada por saír nos medios de comunicación a desprestixiar unha vez máis á alcaldesa.

Exit mobile version