Bruxelas, 15 de febreiro de 2022. No marco das negociacións das propostas que articularán o paquete Fit for 55, este luns na sesión plenaria do Parlamento Europeo aprobouse un novo informe sobre a Estratexia europea para a enerxía renovable mariña.
Actualmente, a capacidade de produción de enerxía offshore da Unión Europea é de 12 xiga vatios (GW), o obxectivo é alcanzar de aquí ao 2030 os 60 GW e chegar aos 300 GW en 2050. A enerxía oceánica e outras tecnoloxías mariñas emerxentes, como o uso de algas para producir biocarburantes, poderían complementar este tipo de electricidade que atopa no mar do Norte e o Báltico dous dos seus puntos de maior proxección.
As instalacións offshore resultarán moi proveitosas para mellorar a interconexión de territorios como a Península Ibérica, que funcionan como illas eléctricas, e tamén doutras zonas máis pequenas, sen costa ou localizadas en latitudes setentrionais, que ven limitada a súa capacidade para apostar polas renovables e, polo tanto, para contribuír á descarbonización de Europa.
Nesta liña, desde o Grupo da Alianza de Socialistas e Demócratas, o eurodeputado galego Nicolás González Casares chamou a ter en conta as especificades de cada Estado membro e impulsar a colaboración entre eles: “Non é o mesmo o Mar do Norte que o Océano Atlántico. Polo que debemos dar un salto rompedor para ser líderes en tecnoloxía de plataforma flotante. Temos coñecementos técnicos, por exemplo, na industria naval, e contamos cunha boa posición. É unha grande oportunidade industrial”.
A enerxía eólica mariña está a demostrar a súa competitividade respecto doutras enerxías renovables e o liderado tecnolóxico que pode xogar a Unión Europa neste campo, polo que a participación dos actores implicados e da sociedade en xeral é primordial.
“O desenvolvemento renovable non debe, por exemplo, comprometer a produción de alimentos como nos lembran os Acordos de París, polo que precisamos que todos os sectores, fundamentalmente o pesqueiro, estean a bordo nos debates sobre o despregamento desta enerxía”, anunciaba González Casares ao tempo que lembraba a necesidade de que este tipo de iniciativas “repercutan beneficios para as comunidades próximas”.
O paquete Fit for 55
Trátase dun conxunto de propostas que buscan revisar e actualizar a lexislación da Unión Europea e poñer en marcha novas iniciativas co obxectivo de garantir que as políticas da UE estean en consonancia cos obxectivos climáticos acordados polo Consello e o Parlamento Europeo.
O paquete de propostas pretende proporcionar un marco coherente e equilibrado para alcanzar os obxectivos climáticos da UE para asegurar unha transición socialmente xusta, manter e reforzar a innovación e a competitividade da industria garantindo a igualdade de condicións fronte aos operadores económicos de terceiros.