Burela, 28 de febreiro de 2022. A Concellería de Deportes felicita ao Burela Pescados Rubén FSF pola nova Supercopa de España conseguida onte á noite en Jerez. Ramiro Fernández Rey destaca o traballo realizado polo equipo e polo club tras a consecución de once títulos consecutivos e cualifica de moi importante a promoción nacional e internacional que o Burela FSF realiza do concello.
O edil burelés quixo “facer pública a nosa felicitación tanto ao club como a afección como a todo o pobo de Burela polo novo título conseguido polas xogadoras do Burela Fútbol Sala Feminino. Son unha garantía de éxito, son unhas guerreiras que cando xogan unha final poden xogar mellor ou peor, pero son as mellores competidoras do mundo, defenden os títulos da mellor maneira e competindo como ninguén sabe. Reitero en nome de toda a Corporación a nosa felicitación ao club especialmente polo gran traballo que está facendo, á afección que tanto apoia ao equipo e ao pobo de Burela porque a visibilidade que lle está dando o Burela Fútbol Sala despois destes once títulos consecutivos conseguidos non ten prezo. A promoción que fai de Burela a nivel nacional e incluso internacional non habería cartos que puideran pagala”.
Ramiro Fernández Rey subliñou que “estamos de noraboa, estamos contentos e orgullosos e esperemos que siga esta xeración de xogadoras que vai ser inesquecible, están facendo historia no fútbol sala mundial, conseguindo títulos e traéndonos estas alegrías ao pobo de Burela”.
O concelleiro de Deportes dixo que “imos empezar a traballar nun acto de recoñecemento ao equipo. Algo haberá que facer, porque o merecen. Agora teñen concentración coa selección. Imos mirar a mellor data para poder facelo e que estean todas. O alcalde estará encantado de recibir ao equipo na casa de todos que é a Casa do Concello”.
Ramiro Fernández asistiu onte en Jerez á cita que enfrontou ás burelesas contra o Futsi Atlético Navalcarnero.