Nesta edición, o cartel presentado polo Concello de Viveiro é unha oda ás mulleres “entroideiras” da vila, que mesmo en épocas complicadas, saían á rúa cos seus traxes e máscaras. As fotografías son de “Foto Carlos”, sacadas entre 1960 e 1972, e cedidas por África Jiménez, impulsora do Entroido en Viveiro.
As bases do Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido xa están publicadas, establecendo categorías de adultos (carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual) e infantil (individual, parellas e grupos).
O prazo de inscrición ao desfile abrirase o próximo 17 de febreiro e pecharase o 27 do mesmo mes. O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse máis de 5.000 premios entre todas as categorías.
Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos, ambos doados polo Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. Ademais, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile.
“A importancia do Entroido en Viveiro esténdese dende a participación da nosa cidadanía ata o atractivo turístico que supón. Non obstante, a prudencia estará presente nesta festa e todas as actividades atenderán aos protocolos sanitarios”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
O Concello de Viveiro aínda está a traballar no peche do programa, que recuperará o xoves de comadres, organizado pola Asociación de Comerciantes do Casco Histórico. Tamén se celebrarán sesións vermú o sábado e o domingo, nunha carpa ubicada na Praza Maior.
O programa, que se concretará na vindeira semana, retoma as Alpuxarradas e tamén inclúe festa infantil, así como enterro da sardiña, tanto para a infancia como para os adultos. Por último, está previsto tamén que se celebren diferentes obradoiros e se instalarán inchables para os máis pequenos.
“Esperamos que a cidadanía de Viveiro xa estea a preparar os seus traxes para celebrar o noso Entroido cheo de humor que nos caracteriza como vila”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
As bases do Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido https://www.viveiro.es/