Viveiro, 5 de febreiro de 2022. A área de Muller e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Viveiro poñen en marcha un Clube de Lectura ‘En Feminino’, pero aberto ao público en xeral sempre que sexan persoas maiores de idade e ata un máximo de 15.
O clube realizarase de maneira telemática por zoom e con reunións presenciais puntuais, dando comenzo o día 23 de febreiro para conmemorar o Día de Rosalía.
Celebraranse dúas sesións por mes, desde febreiro ata xuño, cunha duración de dúas horas cada unha e impartidas por Estivaliz Veiga, actriz e pedagoga teatral.
“Encadramos esta iniciativa dentro das actividades programadas para o 8 de marzo; ademais, formamos parte da rede de Bibliotecas en Igualdade para recuperar os textos de mulleres escritoras e darlles o lugar na historia que se merecen por dereito”, explica a concelleira de Muller e Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Todas as persoas interesadas poden cubrir a ficha de inscrición na Biblioteca Municipal desde o luns, 7 de febreiro, ata o 18 de febreiro, xa que o límite de prazas establecerase por rigurosa orde de inscrición. As persoas inscritas recibirán un agasallo de benvida.
Para máis información, as persoas interesadas poden acudir persoalmente á Biblioteca Municipal (Praza Maior, 1) ou chamar ao número de teléfono 982 57 06 06.