Ribadeo, 8 de febreiro de 2022. O Concello de Ribadeo ven de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia, procedente de fondos europeos, para a instalación de dous novos puntos limpos de proximidade, que se unirán aos tres xa colocados hai algún tempo no parque e nas Avenidas Rosalía de Castro e Rafael Fernández Cardoso. Un dos novos, que será fixo, situarase en Rinlo e o outro, que contará cunha plataforma móbil, destinarase ás demais parroquias ribadenses, a onde se desprazará de xeito itinerante.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explicou que “o Concello de Ribadeo ven de solicitar estes días unha axuda, a través dunha subvención específica de residuos de fondos europeos que canalizan a través das comunidades autónomas, neste caso a través da Xunta de Galicia, para dous novos puntos limpos para dar servizo ás parroquias”.
O edil ribadense dixo que “suporán un orzamento duns 15.000 euros e este importe será para subvencionar ata o 90% e o restante máis o IVE correría a cargo do Concello. Un deles situaríase indefinidamente en Rinlo. Sería do mesmo formato que os tres que xa hai ubicados na vila, en Rafael Fernández Cardoso, en Rosalía de Castro e entre os parques. E o outro punto sería unha plataforma móbil e iría para dar servizo ás outras parroquias cuns horarios e un calendario que xa definiremos no seu momento”.
Díaz Freije subliñou que “así reforzamos un pouco máis todos os servizos que temos no punto limpo fixo, como pode ser a recollida de enseres, e que son tan importantes para a veciñanza, para o coidado do medio ambiente e para coidar a vila e as parroquias do concello de Ribadeo”.