Ribadeo, 23 de febreiro de 2022. O Concello saca a poxa por terceira vez o inmoble do doutor Moreda Pérez, que recibiu como herdanza. O prezo de saída do piso da rúa Reinante, do 50% do faiado e do contido da vivenda será de 182.730 euros. Os posibles interesados deberán puxar á alza. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado remata o 27 de marzo.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “en cumprimento da vontade manifestada no testamento do Sr. Francisco Moreda Pérez de deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, desde o Concello inventariamos, valoramos e fixemos todos os trámites conducentes a cumprir escrupulosamente a vontade desta persoa”.
O rexedor lembrou que “entre outras cousas, fixéronse hai varios meses dúas poxas pública pola súa vivenda da Rúa Reinante e mais polo 50% do seu faiado neste mesmo edificio así como polo contido desta propiedade. A poxa, en ambos os dous casos, quedou deserta”.
Suárez Barcia explicou que “desde o Concello, decidimos solicitar novas valoracións á Oficina Técnica Municipal á vista de que o prezo de saída anterior puidese estar por riba dos prezos de mercado nese momento. Con esta nova valoración, que reduce novamente o prezo de saída, decretouse unha terceira poxa pública á alza. Para isto publicouse o anuncio de licitación no perfil de contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado será dun mes e rematará vindeiro 27 de marzo de 2022”.
O alcalde ribadense indicou que “o prezo de saída da poxa á alza para a vivenda e 50% do faiado é de 158.231euros e o prezo do contido ascende a 24.499 euros. Así pois, continente e contido, suman un total de 182.730 euros polos que os posibles interesados deberán puxar á alza. No caso de chegar a bo fin con esta nova poxa, o diñeiro conseguido sumarase aos outros bens xa monetarizados e custodiados pola intervención municipal e cuxo destino único será a mellora e modernización do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, como era a vontade de Francisco Moreda Pérez”.