O rexedor municipal anuncia que “o Concello de Foz manterá o xoves 17 de febreiro ás 10.00 da mañá unha reunión de traballo con Augas de Galicia para axilizar os trámites de construción da nova EDAR. O Concello está a realizar os trámites de expropiación das fincas necesarias conforme ao anteproxecto aprobado, cumprindo coa parte do convenio que lle corresponde para lograr una depuradora eficiente e evitar vertidos á ría de Foz. Para lograr a mellor infraestrutura o Concello acadou o compromiso de Augas de Galicia de formar parte da supervisión na redacción do proxecto construtivo, pendente de adxudicación e que deberá redactar a empresa que resulte gañadora do concurso de construción, ao saír a licitación na modalidade proxecto máis obra”.
Fran Cajoto engadiu que “dentro dos puntos a tratar coa directora de Augas de Galicia o Concello incluíu a legalización da captación de Cordido, un asunto de absoluta prioridade para o Concello xa que a situación actual imposibilita a construción de novas edificacións na parroquia. Herdamos do anterior goberno un Plan Xeral de Ordenación Urbana cunha aprobación parcial, non total, e que imposibilita a construción en Cordido, que si se podía realizar coas antigas Normas Subsidiarias, ao non estar legalizada a captación. Unha captación que leva máis de 30 anos en funcionamento e que está recoñecida por Augas de Galicia: hai posibilidades técnicas de legalizada, pero fai falla vontade de todos. Pretendemos resolver este problema da mellor maneira posible e estamos abordando a solución cun gabinete técnico en contacto con Augas de Galicia, que é o organismo que ten que legalizar a captación de forma definitiva”.
Fran Cajoto comentou tamén que “o Concello incluíu outro punto na reunión: o aumento de caudal na captación do río Ouro, necesario para posibilitar desenvolver as áreas urbanizables do polígono e que o Concello se poida desenvolver conforme ao que marca o Plan Xeral”. O alcalde avanza neste aspecto que van a estar vixiantes co Anteproxecto de Central Hidroeléctrica Reversible Xistral, promovido pola Sociedade promotora Desarrollos del Malache, e o rexedor explica que “agora mesmo o proxecto elevouse a consultas previas dunha serie de organismos entre os que están Augas de Galicia e os Concellos de Alfoz, Cervo, Ourol, O Valadouro e Xove, pero non o de Foz. Aínda que o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico non fixera este trámite co noso concello si podemos estar afectados indirectamente, ao actuar sobre afluentes do río no que temos a captación de abastecemento máis importante: o Ouro. É por iso que na reunión con Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, imos tratar este punto. Augas de Galicia é o organismo que outorga as concesións de captación sobre o río Ouro e os seus técnicos son o persoal competente que nos pode informar sobre as posibles afeccións que tería no seu caudal. Coma sempre, traballamos con seriedade e honestidade. Das informacións que reciban os técnicos municipais e nós mesmos daremos conta á corporación, para que saiba de primeira man o posible impacto sobre o Ouro se o proxecto saíra adiante. Destacar que o anteproxecto está na fase de consultas previas, posteriormente deberá ser publicado no BOE para as alegacións que correspondan”.