Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo traballa para evitar que a SAREB continúe bloqueando as iniciativas de mellora paisaxística e de creación de vivenda accesible no municipio

Cervo, 25 febreiro de 2022. O Goberno municipal está disposto a utilizar todos os instrumentos administrativos posibles para impedir que a SAREB -a entidade semipública estatal, tamén coñecida como “banco malo”- continúe bloqueando as iniciativas de mellora paisaxística e de creación de vivenda accesible neste municipio.

O rexedor popular non comprende a “actitude obstrucionista” dunha entidade que, participaba polo Goberno de España, “debera mirar polo interese xeral” e revela que a SAREB está a poñer “múltiples obstáculos” ante os esforzos do Goberno local por eliminar os esqueletos de edificios inacabados e paralizados hai anos.

Alfonso Villares aclara que a SAREB é hoxe propietaria de tres edificios “en esqueleto”: dous bloques situados no barrio de Galdín, nun dos principais accesos á localidade de San Ciprián, xunto ao colexio público. E tamén dun bloque de edificios situado na zona da Atalaia, na illa de San Cibrao (porto de Arriba), moi próxima ao xacemento arqueolóxico do mesmo nome.

“Sinceramente, non podemos entender que esta entidade estatal pretenda facer duns inmobles ruinosos un negocio, en contra dos intereses das veciñas e veciños de Cervo. Nós, desde o Concello, queremos loitar contra o feísmo destas construcións inacabadas e realizar neses espazos proxectos de mellora e integración paisaxística”.

O alcalde explica que, aínda que cada un destes edificios inacabados ten unha situación administrativa e xurídica diferente, en todos os casos, cando a propiedade está en mans da SAREB, atópanse con múltiples atrancos: “Obstáculos á hora de negociar a venda dos inmobles, desprezo aos distintos requirimentos urbanísticos que ordenan a demolición, continuos recursos ante as resolucións administrativas do Goberno local”.

Ata tal punto é así que o Goberno local “xa estuda un plan B”. De feito está a valorar “moi seriamente” a posibilidade de poñer en marcha un procedemento de expropiación forzosa das parcelas sobre as que se alzan esas estruturas inacabadas. Con todo, esta situación “non é a desexada” porque prolongaría no tempo a solución, e obrigaría a realizar trámites máis complexos.

Multas coercitivas e obstáculos á adquisición dos edificios
Así por exemplo, no caso de San Ciprián, os dous edificios situados no barrio de Galdín, promovidos no seu día por Pasillo Verde e Os Molineros, contan cunha orde de demolición en curso, que a SAREB non está atendendo, incluso, a pesar de que se suceden sobre a entidade varias multas coercitivas.

A situación é aínda máis sorprendente, se cabe, cando se trata da estrutura inacabada da Atalaia. Neste caso, tal e como se explicou recentemente, o Concello, tras forzar a poxa do inmoble compareceu na mesma para a súa adquisición. Tras a poxa, a SAREB presentou alegacións e mellorou a oferta, sorprendentemente, impedindo que a administración local se fixese polo de agora cos terreos.

Os reiterados incumprimentos da SAREB en relación co edificio inacabado da Atalaia sobre o que tamén pesa un expediente de reposición da legalidade que obriga a súa demolición, desembocou en tres multas coercitivas que xa acumulan un valor total de 13.000 euros.

En ambos casos, tras moito tempo de infrutuosas negociacións, hai xa catro anos que iniciaron os trámites para lograr, en primeiro lugar, a caducidade das licenzas e iniciar, de seguido, un expediente de reposición da legalidade urbanística, que implica a desaparición deses edificios e a adecuación da parcela á situación anterior ao inicio das obras de construción.

Mellora paisaxística e vivendas a prezos accesibles
Pero a iniciativa do Goberno local que preside Alfonso Villares non se limita a acabar coa mala imaxe que proxectan eses edificios inacabados. O Concello tamén valora a adquisición de varios inmobles, para rehabilitalos e convertelos en vivendas de promoción pública a prezos accesibles.

Este é o caso, por exemplo, da edificación emprazada na Galiñeira de San Ciprián –que tamén é propiedade da SAREB- e unha segunda promoción de vivendas adosadas emprazadas na rúa das Lobeiras, na capitalidade municipal, Cervo.

“Lideramos unha aposta de futuro. Queremos poñer a disposición da veciñanza, e de todos aqueles que queiran facer do noso municipio o seu fogar, vivendas públicas a un prezo máis accesible”.

Exit mobile version