Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello acolle a exposición “Viveiro sostible, aprendendo a coidar da nosa contorna” ata o 24 de febreiro

Viveiro, 14 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro acolleu esta mañá, coincidindo co Día da Enerxía, a presentación da exposición “Viveiro sostible, aprendendo a coidar da nosa contorna”, organizada pola Asociación Prato_DO e o Centro Asociado da UNED en Lugo.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, acudiu á presentación desta mostra, así como Alejandro Prieto Mazaira, secretario da UNED Lugo, e Lucas Requejo Fernández, fundador de Prato_DO

A exposición ubícase na Sala Multiusos do Concello de Viveiro e conta con tres mostras cedidas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. As tres mostras versan, respectivamente, sobre a biodiversidade de Galicia, o cambio climático e a importancia de coidar o noso mar.

“Dende o Concello de Viveiro estamos convencidos na necesidade de desenvolver accións de concienciación sobre o medio ambiente e cambio climático”, manifestou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“Neste sentido, levamos a cabo un programa de compostaxe, que tivo unha grande repercusión e uns resultados altamente positivos”, engade a rexedora.

Dende o goberno local, anímase tanto ao público en xeral como á comunidade educativa a visitar nos próximos días a exposición. O Concello de Viveiro recalca a importancia desta exposición como unha invitación á reflexión sobre o medio ambiente, a biodiversidade e o cambio climático.

A mostra poderá visitarse ata o próximo 24 de febreiro, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00.

Exit mobile version