Santiago, 25 de febreiro de 2022. A pasada fin de semana tivo lugar en Lourenzá o Campionato Galego Xogade de Campo a Través 2021-2022 que contou coa participación de medio milleiro de nenos clasificados nas fases provinciais celebradas a fin de semana do 12 e 13 febreiro na Pobra do Caramiñal (A Coruña), Vilalba (Lugo), Ribadavia (Ourense) e Portas (Pontevedra). En total, os participantes nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete representaron a 80 clubs, entidades e centros educativos galegos que, segundo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, “traballan día tras día polo deporte base de Galicia e son os cimentos sobre os que se asentan os éxitos dos atletas galegos que esta fin de semana poderemos ver no absoluto de atletismo en Ourense”.
Do mesmo xeito, Lete Lasa desexou “a maior das sortes” aos clasificados para o campionato de España de campo a través CESA que terá lugar o vindeiro 13 de marzo en Xetafe (Madrid) e amosou o seu convencemento de que “os galegos participantes deixarán o pavillón de Galicia ben alto”.
O mandatario galego destacou tamén o excelente comportamento dos rapaces e as rapazas galegos e galegas que tras dous anos de pandemia, “souberon manter os seus hábitos deportivos cumprindo con todos os protocolos e instrucións de hixiene e seguridade”. Particularmente, o Xogade adaptouse ao novo escenario seguindo as pautas do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO e, no caso do Galego de Campo a Través, a categoría cadete exixe o certificado de vacinación Covid, un test de antíxenos ou PCR negativa cunha antelación máxima de 72 horas ou o certificado médico conforme se superou a infección por Covid. Para o resto de categorías, as saídas producíronse en quendas de ata 20 participantes, cada 20 segundos, con máscara e respectando a distancia de seguridade.
Neste sentido, Lete Lasa salientou que as cifras de nenos e nenas galegos mutualizados no Programa Xogade xa se atopa practicamente nos rexistros pre-pandemia, cando se chegaron a contabilizar 128.622 inscritos e avogou pola superación destes números de cara a vindeira tempada. O secretario xeral para o Deporte apuntou cara unha recuperación similar nos datos das licenzas deportivas que comezan a achegarse aos 275.000 federados en 2019 e salientou algúns exemplos como fútbol ou baloncesto, que con 92.304 e 14.478 licenzas respectivamente xa contan con máis fichas que antes da pandemia.