O deputado nacionalista Daniel Castro mostrou a súa incomprensión ante a posición do PP, do que recordou votou a favor no pleno municipal do concello da aprobación provisional á que lle obriga a Xunta (aprobada ata en tres ocasións) e, despois, dende o Goberno galego “continúa entorpecendo a posta en marcha do polígono industrial con novos requirimentos e denegacións que non aparecían como necesarios nos requirimentos previos”.
Ao seu xuízo, a situación é incomprensible, dado que o concello “leva anos facendo o que a Xunta lle solicita e despois de que o faga é a propia Xunta a que se emenda a si mesma poñendo novas trabas que antes non poñía” e que traen como resultado que as empresas interesadas sigan sen poder dispor dun polígono “que tantos beneficios traería á localidade”.
Neste sentido, Castro recordou que o concello iniciou xa en xaneiro de 2016 os procesos necesarios para contar cun polígono industrial co primeiro borrador e documento ambiental estratéxico e, seis anos, despois “a Administración galega segue a requirir “novos documentos que non consideraba necesarios en anos pasados”
O deputado do BNG advertiu que estas trabas son aínda máis difíciles de entender en vilas do rural avellentadas como Muras, nas que, segundo recalcou, a aparición de novas oportunidades laborais permitirían non só beneficiar á poboación actual, senón tamén impulsar a chegada de novas familias que permitirán rexuvenecer o concello.
A isto, engadiu o feito de que Muras é unha localidade fronteiriza coa Mariña, moi próxima a Ourol ou Viveiro, polo que “a apertura de novas empresas e, polo tanto, de novas oportunidades laborais preto da Mariña, sería un pequeno respiro para unha comarca que leva moito tempo sufrindo”.
Por todo isto, non chegamos a entender como a Xunta se está a emendar a si mesma constantemente, impedindo que o concello de Muras poida ter algo que todos os grupos políticos, incluído o PP, e a sociedade queren”, concluíu.