Santiago de Compostela, 9 de febreiro 2022.- O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que “rectifique a súa política eólica, asuma responsabilidades, mude o marco legal para que sexa garantista e poña garantías tamén enriba da mesa para os proxectos que se están tramitando na actualidade e que son susceptibles de atoparse na mesma situación” que os que están sendo obxecto de distintas sentenzas xudiciais contrarias ao modelo eólico do PP, como é o caso dos do Iribio, Sasdónigas ou o de Corme.
Así o esixiu a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, nunha interpelación parlamentaria ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao que lle recriminou a súa “trapallada lexislativa permanente” coa que o PP busca tapar o debate e “facer política de feitos consumados para que as eléctricas campen ás súas anchas”.
Neste sentido, recordou as 10 reformas da lei do sector eólico xa acometidas polo Goberno de Núñez Feixóo, cunha última modificación na lei de orzamentos que entrou en vigor hai un mes, logo da que anunciaron un novo cambio normativo. “Serán 11 reformas que acumulan máis de 60 cambios, seis cambios por ano; reformas pola tapada a través doutras leis, no lugar de facer unha reforma integral da lei do sector e unha actualización do plan sectorial eólico que está absolutamente desfasado e que non dispón de avaliación ambiental estratéxica”, advertiu.
Segundo reprochou Presas ao PP, “non o fan co obxectivo de favorecer a fragmentación dos proxectos e evitar que as características actuais da tecnoloxía se traduza en maiores zonas de exclusión, polo seu tamaño “e porque as necesidades e o coñecemento ambiental de hoxe non é o de 1995”, incidiu, para a continuación referirse no mesmo sentido á paralización da Rede Natura.
A deputada nacionalista repasou as distintas sentenzas condenatorias contrarias ao modelo eólico do Executivo Feixóo e subliñou que, no caso da de Sasdónigas, fallouse a fragmentación do proxecto eólico en fraude de lei coa conivencia da Xunta; no caso do Iribio, confírmase a ausencia de declaración de impacto ambiental válida para autorizar un parque eólico en territorio protexido; e no caso da de Corme, anúlase a autorización do Goberno galego para repotenciar o parque G3 de Corme.
Logo de reprobar o “despotismo eólico” do Goberno do PP por eliminar de facto as áreas de desenvolvemento eólico e pasa a súa declaración ás mans discrecionais do Consello da Xunta, Presas puxo en valor o concurso eólico do Bipartito do que, segundo subliñou, era un proxecto “revolucionario” que combatía os privilexios do lobby eléctrico e buscaba unha alternativa económica para que a produción deste País fose asociada a garantías ambientais, de participación democrática e de reinvestimento público e desenvolvemento, como así o está demostrando o tempo.
“Hai unha nova sentenza desta mesma semana que condena ao seu goberno a pagar un millón de euros máis por ter derrocado ese concurso eólico e xa van catro millóns que vostedes detraen das arcas públicas para financiar retroactivamente a súa campaña electoral tan sucia de 2009”, incidiu con rotundidade, para rematar a súa intervención instando ao conselleiro a rectificar cunha mudanza inmediata da lei que retrotraia os prazos de consulta pública reducidos nas dúas leis de depredación aos anteriores; reforzando as vías de participación e aplicando medidas cautelares de protección na tramitación actual de parques que estarían nas mesmas circunstancias que os obxecto destas sentenzas e, por último, a asunción de responsabilidades.