Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro afirma que o goberno local quera subsanar os problemas do paseo do Landro poñendo un sinal

Viveiro, 9 de febreiro, 2022. Vista a desidia, o BNG de Viveiro volveu a levar no último pleno a problemática do paseo fluvial do Landro, onde as madeiras do chan nas zonas de máis humidade estanse a converter en verdadeiras pistas de patinaxe. Unha problemática habitual en pasarelas deste tipo pero tamén de fácil solución coa colocación dunha malla metálica ou plástica suxeita ás madeiras.

Míriam Bermúdez, concelleira do BNG, recordoulles que esta “é unha contorna Rede Natura, polo que teñen a posibilidade como Goberno de conseguir fondos europeos para atender ás competencias que ten o Concello en mantemento, seguridade e condicionamento neste paseo fluvial.”

O Concelleiro de Obras Jesús Fernández Cal, comezou respondendo no pleno que “poñer malla no chan era un gasto inútil”, para rematar poñendo á semana seguinte uns sinais de advertencia para continuar sen subsanar o problema. Tamén apuntou que a concelleira do BNG “fala continuamente de facer gasto”, despois de explicarlle Míriam Bermudez xusto na intervención anterior, que se podían conseguir fondos europeos sen que saíse das arcas municipais.

Seguindo coas respostas incoherentes, Fdez Cal afirmou que “hai outros lugares por onde pasear”, supoñendo que tamén pensaron así no PSOE de Viveiro cando; pecharon con verxa o acceso á praia de Sacido, hai outras praias. Pecharon o acceso ao aparcadoiro da área etnográfica da Insua, hai outros aparcadoiros. Pechou o matadoiro municipal por que o Concello non supervisou este servizo subcontratado, hai outros matadoiros. Pecharon os aseos públicos templete da música, hai outros baños. Etc.

Despois da lista de incoherencias nos discursos do Concelleiro de Obras, Míriam Bermúdez asegura que “non queren atender as súas competencias como goberno, están tan obsesionados en facer oposición desde o goberno ao BNG, que se están olvidando de Viveiro, de que esteña ben conservado, limpo e coidado.”

Míriam Bermúdez lamenta así a pouca disposición do Goberno Municipal a escoitar e tentar melloras, mais afirma que “tan só hai que ver como presentan os orzamentos, sen escoitar as demandas da oposición, sen dar antes un borrador para que a oposición faga as súas propostas de mellora e enterándonos sempre deles por prensa, coa foto do cogoberno de María e Bernardo e cos orzamentos totalmente pechados.”

Exit mobile version