Foz, 3 de febreiro, 2022. O aumento exponencial e totalmente descontrolado de contaxios da Covid-19 que se está a vivir na Galiza, provoca un aumento considerábel da demanda de tests de antíxenos. O prezo actual nas oficinas de farmacia galegas está finalmente regulado despois de oscilar entre os 6 e os 12 euros. Noutros estados como algún Lander con competencias sanitarias na Alemaña, ofrecían un test diario gratuíto para cada cidadán e cidadá, nos diferentes puntos habilitados. Agora teñen un prezo moi inferior ao que se paga na Galiza: pódense adquirir en farmacias, desde 80 céntimos. Aliás, nos centros de ensino realízase, cando menos, un test de balde por semana. En Portugal, os antíxenos están exentos de IVE, polo que o seu prezo é inferior ao da Galiza e seguirá sendo así todo o ano 2022. No Reino Unido os tests de antíxenos son de balde, e calquera persoa pode solicitalos a través da web do Servizo Nacional de Saúde e recibilos na súa vivenda en menos de 24 horas. Tamén as escolas entregan probas ao estudantado.
O BNG de Foz considera que as probas de autotest podem e deben seguir rebaixándose para facilitar o seu acceso a cidadanía, agora que a Consellería deixa no peto dxs galegxs o control da pandemia. O IVE das vacinas xa están rebaixado ao 0%, e como xa propuxo o BNG de Foz ao inicio da pandemia, o das máscaras ao 4% superrreducido. Dado que debe facilitarse o acceso a estas técnicas diagnósticas, o Grupo Municipal do BNG propón ao pleno do Concello de Foz, instar ao Goberno do Estado para reducir o tipo do IVE das probas de autodiagnóstico de antíxeno ao 4% superreducido. e á Xunta de Galiza a garantir que todas as persoas teñan acceso aos medios de diagnóstico. Solicitamos facilitar en todo caso, o acceso a este material a aqueles usuarios con dificultades económicas, e instamos tamén a Xunta a facilitalos nos centros de ensino para o seu uso regular.