Burela, 3 de febreiro, 2022. O pleno do pasado mes de novembro no concello de Burela deixaba unha ordenanza fiscal proposta polo concello no aire, logo da negativa do BNG a aprobar a mesma posto que dende o goberno local insistían con seguir cobrando ás farmacias pola ocupación que fan da vía pública cando teñen quenda de garda.
Para tentar resolver a situación, según indica o voceiro do BNG, Mario Pillado, “logo de conversas e negociacións rexistramos por escrito a proposta de que, cando menos, se bonificara ás farmacias co 95% da taxa, que era unha das posibilidades que se manexaban dende o punto de vista burocrático”.
Finalmente a fórmula elixida “foi a eliminación das farmacias da propia ordenanza, polo que xa non van ter que pagar nada por un servizo que están obrigadas a prestar e que implica unha ocupación da vía pública ocasional e periódica” recordou Pillado.
Sexa como fora, “a nosa postura no pasado pleno serviu para que estes establecementos vexan como se fai xustiza en aplicación da sentenza existente sobre o tema e que lles daba a razón ás boticarias” comentou o portavoz do BNG
O Bloque ve positivo que a súa insistencia consiga os seus froitos neste e noutros temas.
Seguiu o voceiro nacionalista recordando que “ás veces é frustrante ver como as nosas propostas non son acollidas como nos gustaría ou que o goberno tarda en darlle cumprimento ó que se acorda, pero logo tamén é gratificante que a base da insistencia e da seriedade se vaian cumprindo. Por exemplo, fomos moi insistentes co cumprimento da lei de montes e contra incendios en canto á limpeza de fincas, levamos con iso meses e case anos, pero parécenos positivo que a longo prazo se comece a cumprir a lei”
Por iso neste pleno, como recalca Mario Pillado, “levamos outras dúas iniciativas que xa temos proposto en varias ocasións como son a inclusión dun posto de traballo no plan de emprego asociado ó plan único para que se aumente o horario de apertura da biblicoteca municipal nas épocas de vacacións e a pregunta sobre o estado das conversas que o alcalde ia manter co grupo propietario da antiga fábrica de gres para aprobeitar e acondicionar ese terreo.