Diante da apertura do período de consultas notificado ao concello de O Valadouro polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, desde a Tenencia de Alcaldía, o edil Eduardo Chao manifestou que tal como demanda o ministerio ao concello, farán unha exhaustiva labor de recabar información en todos os eidos nos que o noso medio poida verse afectado e dando participación á veciñanza para que esta teña voz e poida pronunciarse tamén a respecto dos impactos mais significativos na zona deste proxecto.
Para os nacionalistas é primordial facer todo o posible para que o Estudo de Impacto Ambiental sexa o máis completo posible e que nel se analicen con criterios rigurosos todos os impactos e afeccións, “porque este proxecto afecta á vida das persoas e por eso estamos traballando no informe que hai que remitir ao Ministerio previo a ese estudo de impacto ambiental que despois haberá que estudar tamén minuciosamente” afirmou Eduardo Chao.
Os nacionalistas sinalan tamén que o tema enerxético e a necesidade de enerxía para a industria foi e é usado tamén en moitos casos como condicionante por gobernos e por determinados partidos políticos e empresas para implantar proxectos que en moitos casos só tenen fins lucrativos, moitas veces especulativos e poucas veces redundan en beneficio para a sociedade coma no caso da electricidade, pois o prezo da mesma para as galegas e galegos e mariñás e mariñaos non se ve reducido por moita enerxía que se produza aquí. Por eso afirman que todos estes proxectos deben ser debidamente analizados e contrastados.