Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022. O BNG centrará os debates da vindeira sesión plenaria sobre os dereitos dos mozos e mozas a desenvolver un proxecto de vida autónomo, o desenvolvemento eólico e as políticas depredadoras do Partido Popular e a proposta de crear “unha única rede de servizos sociais.
A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil, deu conta dos debates propostos polo BNG na Xunta de portavoces entre os que destacou, a solicitude da conselleira de Medio Ambiente para que explique porqué abandonou a reunión do Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na que os axentes sociais lle pedían someter a votación os “desmáns da Xunta diante deste boom eólico depredador que está destrozando o territorio e medio ambiente, só para beneficio das empresas enerxéticas”.
Rodil explicou que a conselleira, saltándose a lei como acaba de sinalar, por terceira vez, o TSXG coa sentenza do parque eólico do Roncudo, fixo o que mellor sabe facer “saír correndo e escapar para non dar explicacións”.
Rodil avanzou que a pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón a Feixóo será sobre o dereito da mocidade galega a emanciparse e desenvolver un proxecto de vida autónomo. Neste sentido, lembrou que onte mesmo, a portavoz nacionalista visitou un piso de estudantes no que puido conversar con varias mozas e mozos e falar das condicións de vida que teñen hoxe moitas persoas menores de 30 anos en Galiza.
Que vai facer a Xunta para que a mocidade galega deixe de estar “á cola da emancipación no conxunto do estado”, segundo os datos cola so datos do INJUVE. “Emanciparse en Galiza é case misión imposible para a xente moza.” As persoas que teñen entre 30-34 anos, nun 40%, vense obrigadas a seguir na casa familiar e representa a segunda peor taxa de emancipación do Estado nesta franxa de idade.
Por outra parte, engadiu, o último informe da EPA, no último trimestre, o 23% da mocidade galega está desempregada e as mozas e mozos que teñen traballo fano en condicións precarias: traballos temporais e sen chegar a seren mileuristas.
O BNG tamén levará ao pleno o desenvolvemento eólico e as políticas “depredadoras do Partido popular”. Neste sentido, o BNG solicitou a comparecencia da Conselleira de Medio Ambiente e interpelará ao goberno sobre a política eólica da Xunta porque o “ PP está poñendo a Galiza ao servizo dos intereses dun puñado de eléctricas saltándose se é necesario a lei tanto galega como a europea”.
“O PP mantén consciente e interesadamente un Plan eólico dos anos 90 que está moi lonxe dos estándares ecolóxicos e sociais do século XXI”, remarcou.
Finalmente, o BNG defenderá unha Proposición non de Lei, impulsada pola CIG e avalada por milleiros de sinaturas, para que o Sistema Público de Servizos de Atención ás persoas quede integrado “nunha única rede de servizos socias” que acolla á atención nos servizos de día, á discapacidade, axuda no fogar, as casas niño e do maior, o xantar na casa ou o transporte adaptado.