Viveiro, 6 de febreiro, 2022. O BNG defendeu unha moción para instalar paneis led informativos que permitisen a inserción de textos, gráficos e vídeos coa finalidade de subministrar desde o Concello unha información puntual e instantánea das actividades e anuncios que se estimen convenientes.
A moción presentada pola concelleira do Bloque, Míriam Bermúdez, propoñía que todos os grupos da oposición e goberno municipal estudasen en Comisión a posible instalación destes paneis, como único punto da moción, para elixir en consenso o tipo de paneis, número e localizacións dos mesmos. Aínda así, a alcaldesa María Loureiro negouse a valorar esta inciativa nunha comisión, xa que baixo o seu criterio Viveiro non necesita destes paneis.
Uns paneis que tampouco suporían un gasto para as arcas municipais, pois como ben expresaban as nacionalistas na súa moción, permitirían a inserción de anuncios publicitarios que autofinanciarían a súa instalación e mantemento.
Míriam Bermúdez non entende esta “actitude autoritaria de Loureiro, de rexeitamento continuo ás propostas do BNG”, e incide en que “se pensa atrancar así ao BNG, facendo de oposición desde o goberno, está moi equivocada pois o único que consegue é atrancar máis a Viveiro”.
Un goberno como este sen ideas nin iniciativas, debera escoitar máis á oposición e veciñanza, pois de momento Viveiro pola actitude autoritaria da alcaldesa non ten nin paneis informativos, nin paseo do Landro operativo todo o ano, nin solares para utilizar como aparcadoiros en Covas, nin zonas para cans, nin plan de mantemento de estradas, nin conta cun reparto xusto e democrático de subvencións, tampouco dun Plan de accesibilidade… sendo estes só uns exemplos das propostas do BNG rexeitadas pola alcaldía.