Santiago de Compostela, 23 de febreiro 2022.- A portavoz nacionalista de Facenda, Noa Presas, acusou no Parlamento galego á Xunta de impulsar o efecto chamada no sector bancario para recibir fondos públicos por reabrir os servizos que pecha.
“Da súa resposta concluímos que o Goberno galego só ten previsto seguir inflando de cartos á banca privada para que manteña timidamente algúns servizos que está pechando, un negocio redondo dende o punto de vista empresarial: ti pechas e a Xunta págache para que abras”, reprobou con severidade ao conselleiro de Facenda nunha interpelación parlamentaria sobre as medidas previstas polo Executivo do PP para garantir unha atención presencial mínima no sector para as persoas usuarias.
“Como os bancos son tan bos van manter os seus servizos cando saben que hai unha Administración que lles paga por reabrilos cando os pecha”, incidiu, para a continuación censurar os tres millóns destinados pola Xunta a Abanca para o mantemento da súa rede de caixeiros. “Unha entidade que foi rescatada con máis de 9.000 millóns e que ao ano e medio xa obtiña beneficios non se lle pode regalar nin un céntimo para que siga incrementando os seus beneficios, despedindo xente e abusando da sociedade”, recriminou.
Neste sentido, instou ao Goberno de Núñez Feixóo a deixar de poñerse do lado das entidades financeiras amigas e poñerse dunha vez por todas do lado das galegas e os galegos exercendo as súas competencias. Entre outras medidas que o BNG presentará en breve na Cámara, avogou por que a Xunta poña en marcha instrumentos de apoio, reforce o Instituto Galego de Consumo (IGC), impulse demandas colectivas, demande do Estado e exerza a “presión política que ten como Goberno” para garantir os servizos bancarios mínimos.
Porque, segundo advertiu a deputada nacionalista, a exclusión financeira non só está afectando dun xeito “gravísimo” ao colectivo de persoas maiores, senón que a banca privada está a expulsar ás e aos clientes que non lles interesan, provocando tamén a exclusión de colectivos vulnerables.
Por iso, defendeu a urxencia de acometer cambios lexislativos ambiciosos que garanten a atención bancaria digna porque, segundo concluíu, a pregunta é moi clara: “o que hai é suficiente para os galegos e galegas, que non poden vivir sen unha conta bancaria, teñen uns servizos minimamente dignos? A resposta é non”.