Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022. A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez defendeu unha proposición non de lei que acadou o apoio unánime no Parlamento galego para demandar do Estado que comunique, de inmediato, os cupos de marraxo para 2022 ao sector pesqueiro, confirmar, por escrito ao sector que existe coordinación entre o Ministerio de Pesca e o de Transición Ecolóxica na xestión dos cupos e uso de certificados e despexar definitivamente se as cantidades de marraxo capturado legalmente no ano 2021, pendentes de certificación, poderá ser comercializada, cargo aos cupos de 2022”.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG tamén propuxo unha reunión dos membros da comisión de pesca do Parlamento galego e sobre todo, “do sector” cos ministerios de Pesca e Transición Ecolóxica para materializar o acordo parlamentario.
A deputada explicou que por terceiro ano consecutivo, resulta “inexplicable”, que o Goberno español impida a pesca e comercialización do marraxo dientuso ao sector do palangre de superficie galego, “único no Estado que dirixe a súa actividade a esa especie”.
A decisión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), o pasado mes de novembro e en vigor dende xaneiro deste mesmo ano para as dúas vindeiras campañas, vén de prohibir, reter, transbordar e desembarcar, total ou parcialmente, marraxo dientuso do Atlántico Norte.
Neste sentido, lembrou que esta decisión non colle de sorpresa ao sector pero volve ser un “golpe durísimo para unha frota que fixo enormes esforzos dirixidos á sostibilidade dos recursos nos últimos anos”, nos que vén reducindo as súas capturas case un 40% e dotándose voluntariamente de monitores electrónicos e dun maior número que o requirido de observadores a bordo para aportar máis datos científicos.
Agora, mentres se inicia unha fase de recuperación da especie, deberán agardar a vindeira avaliación da ICCAT prevista para 2027 e que finalmente será adientada ao 2024.
A día de hoxe, remarcou a deputada, os cupos CITES 2022 que deberían estar anunciados dende o 1 de xaneiro, aínda non se coñecen. Tampouco está establecida a operativa administrativa para expedir os certificados, cuxa xestión foi trasladada do Ministerio de Comercio ao Ministerio de Transición Ecolóxica.
Só nos primeiros 15 días de xaneiro, subliñou, o sector estimou unhas perdas de máis de 2 millóns de euros provocadas por este retraso e falta de alternativas para a viabilidade das súas empresas.
O cambio dunhas competencias que estaban en mans do Ministerio de Comercio -que expedía os certificados previa autorización do MITECO, que determinaba o cupo autorizado- ao de Transición Ecolóxica, “ agravou a situación”, xa que agora intervén outro organismo, o CSIC, que fixa os límites previa expedición das autorizacións.
A nacionalista trasladou ao Parlamento galego a “desesperación” dun sector con 120 buques e máis de 850 tripulantes. Dende o 1 de xaneiro, engadiu, os barcos teñen que descartar todas as súas capturas de marraxo dientuso ate seren informados dos cupos mentres outras frotas comunitarias (Portugal), e tamén de terceiros países (Ecuador, Chile, etc.), están desembarcando e comercializando marraxo dentro do Estado español.
Nesta liña, aseverou, “a nosa frota ten que deixar os peixes no mar ou nos conxeladores á espera duns permisos que o Goberno debera ter expedido hai máis dun mes e que aínda se descoñece cando se producirá a autorización”.
A portavoz de pesca do BNG, celebrou o acordo agardando que se poida materializar canto antes como está a reclamar o sector.