Ribadeo, 7 de febreiro de 2022. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, mantivo hai uns días un encontro co xerente do Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, ao que lle propuxo realizar un reforzo da sinaléctica do Camiño no centro da vila así como que demande ao Goberno do Estado unha solución para as beiravías da Ponte dos Santos para mellorar a seguridade dos peregrinos. Suárez Barcia tamén lle solicitou a xestión directa do albergue por parte do Xacobeo, tal e como ocorre en moitos outros pobos polos que discorre o Camiño de Santiago.
O rexedor contou que “houbo varios aspectos importantes nesta xuntanza cordial que mantivemos con este responsable do Xacobeo. O primeiro deles foi a petición de reforzo da sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso polas diferentes rúas do ámbito urbano, onde sería necesaria a instalación de varias cunchas de bronce en sitios estratéxicos para que o peregrino non se perda”.
Suárez Barcia seguiu a relatar: “en segundo lugar tamén lle indicamos a necesidade de que teñen que mediar e demandarlle ao Ministerio de Fomento que actúe dunha maneira decidida nas beiravías da Ponte dos Santos porque por mor da ampliación como autovía hai 15 anos as beiravías, esas beirarrúas tan estreitiñas que non cumpren ningún tipo de normativa e que cando se cruzan dúas persoas xa logo non teñen por onde pasar, e se unha de las leva unha bicicleta na man ou mesmo un peregrino leva un macuto ao lombo teñen que acabar poñendo un destes obxectos colgando no baleiro total para que a outra persoa poida pasar. Isto resolvíase facilmente volvendo instalar estes valados metálicos retranqueados un pouco máis para garantir a seguridade, loxicamente, e que dúas persoas se poidan cruzar cunha certa comodidade. Isto é necesario xa que a Ponte dos Santos non deixa de ser a porta de entrada a Galiza e a porta norte de Ribadeo, polo que o Xacobeo debía interceder diante do Ministerio de Fomento para que actúe de maneira decidida”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “outro dos temas foi a proposta dun punto de descanso para os peregrinos nunha parroquia de Ribadeo por onde pasa do Camiño. Desde o Concello, estudando cos técnicos, suxerímoslle un lugar agradable”.
E engadiu: “e por último, e non menos importante, tamén lle solicitamos a xestión directa do albergue por parte do Xacobeo, dado que a maioría dos albergues xa os está xestionando o Xacobeo desta forma e tanto para os peregrinos como para os traballadores do Concello que non teñen nas súas obrigas andar con diñeiro, como a técnica de Turismo ou mesmo a Policía Local, é mellor que está xestión poida ser levada adiante directamente polo Xacobeo, tal e como xa está facendo na maioría de albergues do Camiño”.