Durante a visita á explotación gandeira en extensivo na Serra do Oribio, Néstor Rego estivo acompañado pola concelleira do BNG en Samos, María Jesús “Chus” López e o responsábel local, Emilio “Milucho” López, así como membros do BNG de Samos. Os concelleiros de Sarria tamén acudiron ao proxecto, Efrén Castro- deputado provincial- e Mónica López, ademais do responsábel da subcomarca de Sarria, Fernando López, e o responsábel comarcal de Lugo, Bernardo Valdés.
Rego destacou a calidade do proxecto desenvolto durante os últimos 14 anos da explotación en extensivo e puxo en valor a recuperación da cabra e ovella de raza Galega. “Unha explotación con máis de 200 ovellas de raza galega e máis de 130 cabras de raza autóctona” enfatiza o deputado do BNG. Razas que desenvolven un papel de gran valor na conservación dos ecosistemas e que contribúen á limpeza e conservación dos montes, así como “evita a aparición e propagación dos lumes”
Por outra banda, o deputado nacionalista lembrou as iniciativas rexistradas no Congreso para que a superficie dos pastos arbustivos e de baixo arborado sexa admisíbel e recoñecida no desenvolvemento da nova PAC. “Co esta inclusión garantiríase que os gandeiros e gandeiras da Galiza non saísen prexudicadas a través do recoñecemento das singularidades do País” subliña Rego.
Para o deputado nacionalista, é preciso tamén incorporar “a identificación de prácticas locais estabelecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación dos valores protexidos polas directivas de hábitat e aves da Unión Europea”.
Alén do máis, engade a necesidade de incluír as especifidades dos territorios propios da Galiza no deseño dos ecoesquemas da PAC. “O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten que ter en conta as distintas necesidades de cada territorio para lograr unha mellor adaptación da nova regulación” afirma o deputado do BNG.