O xestor do proxecto do cabalo marchador galego impulsado por PURAGA, Nacho López, explica que “dentro do proxecto de recuperación do cabalo marchador galego temos programadas varias quedadas ao longo do ano. A primeira decidimos facela en Lourenzá porque foi onde se fixo o ano pasado a presentación deste proxecto. Trátase de seguir coa nosa idea de reivindicar o cabalo marchador galego, o cabalo tradicional de andadura de Galicia”.
En canto ás actividades, Nacho López anuncia: “faremos pola mañá unha ruta polo val de Lourenzá, cunha parada para comer uns pinchos que nos dá o Concello de Lourenzá. E despois, a mediodía, no recinto feiral imos ter pulpería, bar e faremos un pouquiño de festa. A continuación empezaremos co rexistro do cabalo marchador galego, para o que contaremos coa presenza de dous veterinarios da asociación PURAGA, que colaboran con este proxecto. E para terminar a tarde faremos unhas pequenas carreiras amigables, simplemente para aproveitar o día e que a xente vexa un pouco máis o cabalo marchador”.
Nacho López engade que o principal obxectivo destas actividades “é que a xente se dea conta de que estes cabalos, que levan en Galicia moitos anos, son moi útiles para todo tipo de actividades”.