Lugo, 16 de febreiro de 2022. Loito oficial na Deputación de Lugo polo tráxico naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en Terranova, nas costas do Canadá. As bandeiras da institución provincial ondearán a media hasta e con crespóns negros nos vindeiros tres días en sinal de loito, solidariedade e afecto cos familiares, achegados das vítimas e toda a vila de Marín.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, trasladou en nome propio e no da Corporación provincial “o máis fondo e sentido pesar” polo fatídico suceso e fixo chegar o pésame da provincia ao Concello de Marín e á armadora do buque galego. “Lugo é unha provincia mariñeira, por iso a dor de Marín é a nosa dor”, afirmou.
“A tripulación do Villa de Pitanxo, un centro de traballo multicultural, é un exemplo de boa convivencia, de profesionalidade e de entrega ó traballo. Prestar apoio ás familias e seguir traballando, polo futuro e pola integración, paréceme o mellor xeito de render homenaxe á súa memoria”, asegurou o Presidente.
Ademais, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou xunto a outras autoridades e veciños da provincia nun minuto de silencio en lembranza das vítimas que tivo lugar ás 11.00 horas desta mañá diante da Casa do Concello de Lugo.