Trabada, 19de febreiro de 2022. José María Fernández vén de asumir a presidencia do PP de Trabada, logo de obter o apoio unánime dos afiliados deste municipio. O popular convértese así no novo Presidente local e faino convencido de que “somos máis necesarios ca nunca para que este concello recupere a ilusión”. Neste senso, durante o congreso celebrado esta mañá, e que estivo presidido pola Presidenta Provincial, Elena Candia, Fernández comprometeuse a seguir traballando para que “Trabada cambie de rumbo”. E é que, engadiu, “non se está facendo ningunha política que realmente interese aos trabadenses”.
O novo Presidente referiuse así a que a actual alcaldesa está a incumprir o principal obxectivo que se fixou cando acadou a Alcaldía: dar servizos que permitan asentar poboación no rural. “Non hai axudas á gandaría nin ao sector forestal; non hai nada para vivendas sociais; o único que hai é un PAI que nos custa máis de 60.000 euros ao ano, e que García decidiu facer porque se negou a solicitar á Xunta de Galicia unha Casa Niño, co conseguinte aforro de cartos que isto suporía para o Concello”, criticou.
Tal é así que Fernández explicou que os únicos proxectos que se acometeron en Trabada foron grazas ao Goberno de Feijóo. A modo de exemplo, o popular citou o museo etnográfico.
“Momento do cambio”
A Presidenta Provincial, Elena Candia, agradeceu o compromiso de José María Fernández, así como o dos integrantes da súa executiva; xa que “esta entrega será decisiva para que en 2023 chegue o momento do cambio en Trabada e este concello volva ás mans do PP; o Partido que lle deu o máximo esplendor”, afirmou.
A dirixente dos populares lucenses, que estivo acompañada polo Secretario Xeral, Javier Nodal; o Secretario de Organización, Javier Vázquez Prado; e o Coordinador Xeral, José Manuel Balseiro; entre outros cargos orgánicos, sinalou que este municipio “merece un goberno que realmente crea no gran potencial que ten Trabada e non un goberno, cuxa alcaldesa se sinte máis cómoda en Lugo que no Concello, por exemplo”.
Elena Candia animou así aos populares desta localidade “a dar o mellor de si nestes meses, pois o seu éxito será, dixo, o éxito de todos os trabadenses”.
Executiva
A executiva que preside José María Fernández está formada por Eliseo López Villar, que ocupa o posto de Secretario; de Juana María Rodríguez Maseda, como Vicesecretaria; e de Ángel Pérez Fernández e de Diego Santomé Fernández, como vogais.