Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Arias detalla o informe desfavorable de Augas de Galicia sobre a hidroeléctrica do río Ouro á plataforma de afectados

Lugo, 25 de febreiro de 2022. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da plataforma veciñal de afectados pola central hidroeléctrica do Valadouro para explicar en detalle o contido do informe desfavorable sobre a solicitude de instalación desta central que é determinante e que, polo tanto, impide a viabilidade deste anteproxecto, ao considerar que afecta e interrompe as canles fluviais.

Na reunión, á que tamén asistiron técnicos de Augas de Galicia, púxose de manifesto que este informe conclúe que ese aproveitamento hidroeléctrico reversible no Xistral é inviable, porque é incompatible cos obxectivos da planificación hidrolóxica de Galicia-Costa.

Neste sentido, xustifica que as instalacións recollidas no proxecto presentado para o río Ouro, con balsas ocupando os leitos de varios regos existentes na zona, supoñen novos elementos que comprometen a continuidade fluvial destes cursos de auga.

O delegado de Xunta en Lugo considerou que como calquera proxecto “este debe cumprir coa lexislación galega”, e neste senso sinalou que “seguindo o establecido no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, as actuacións que se formulan non resultan compatibles coa normativa de aplicación en materia de augas”.

Por último, Javier Arias explicou que “desde a Xunta temos demostrado o compromiso co desenvolvemento das enerxías renovables e con todos aqueles proxectos que respecten escrupulosamente a normativa e garantan a súa compatibilidade co medio e cos recursos naturais, así como con toda a actividade que se leva a cabo no rural galego”.

Exit mobile version