Este novo lugar para estacionar os vehículos vaise situar nunha parcela de titularidade municipal, situada na parte traseira do antigo edificio da Carboeira.
O alcalde, Alfonso Villares, xunto coa tenente alcalde, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Turismo, David Rodríguez, achegáronse ata a zona de actuación para explicarlle a Luis Peña, pedáneo de Sargadelos, os seguintes pasos que se van dar para a consecución deste novo espazo, que permitirá aumentar a afluencia de visitantes e facilitará o desenvolvemento dos negocios establecidos na localización.
A creación deste novo aparcamento, que estará rematado ao longo deste ano 2022, obedece á intención de mellorar a seguridade do vial principal que transcorre polo centro de emprendemento, diminuíndo o número de vehículos que ocupan esa estrada, sobre todo épocas de gran afluencia de visitantes.
O proxecto xa está listo para a súa licitación, logo do informe positivo por parte de Patrimonio.
Na actualidade, o Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos é un dos puntos con máis afluencia de visitantes. Dende a creación do centro de emprendemento, que nestes intres frecuentan 7 negocios artesáns, a localización veu incrementado o seu potencial turístico, sendo cada vez máis un punto de interese para os turistas ao longo de todo o ano.
O orzamento total desta execución ascende a un total de 67.589 euros, financiados na súa totalidade polas arcas municipais.
Alfonso Villares: “coa creación deste aparcamento público, pretendemos mellorar a seguridade do vial que transcorre polo Centro de Emprendemento de Sargadelos, desconxestionando a ocupación da vía por vehículos, sobre todo en épocas de gran afluencia de visitantes, como pode ser o verán”. “A liberación de tráfico desta estrada permitiranos, ademais, facer máis atractivo á vista este enclave, que é un dos puntos con maior valor turístico dentro do noso municipio” engadiu o rexedor.
O concelleiro de Turismo, David Rodríguez, apuntou que “falamos dunha importante actuación de cara a atracción de visitantes. Nos últimos anos esta localización atrae cada vez máis xente durante todo o ano, xa sexa polo seu encanto natural ou polo valor engadido que se proporcionou desde a creación do Centro de Emprendemento de Sargadelos”.