No acto tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, membros da Corporación municipal da Pontenova, representantes da empresa encargada da execución das obras, así como colectivos vencellados á hostalería e ao turismo da comarca.
“Penso que esta tirolina se vai consolidar como un referente do ocio activo e familiar na provincia, e mesmo en Galicia. Polo tanto, vai situar nun novo nivel á xa moi interesante oferta turística da Mariña”, dixo o Presidente. José Tomé detallou que “estamos a falar dunha obra importante e singular”. Explicou que esa importancia ben dada tanto polo investimento económico, porque a Deputación de Lugo aporta 300.000€ para que este novo recurso de lecer e turístico sexa posible, e ademais cedeu o tramo de estrada provincial no ámbito de influencia da tirolina; e importante tamén porque a tirolina instalada no complexo é a máis longa de Galicia, con máis de 330 metros de percorrido, entre a mina Consuelo e o forno de Boulloso.
Concretou, así mesmo, que é singular pola súa localización, “xa que contribúe a recuperar para o ocio e o desfrute dos veciños e visitantes a ruta que facían as vagonetas con mineral das vellas minas da comarca. Deste xeito, unimos ocio e cultura, impulso do turismo e promoción da nosa historia”, afirmou Tomé Roca.
O Presidente destacou que a tirolina da Pontenova encaixa co “modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo para toda a provincia. Un turismo non masificado, que respecta e recupera as nosas tradicións, e que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia”. Nas súas palabras tamén explicou que “o turismo é unha fonte de riqueza e de xeración de emprego para o rural, e, desta forma, contribúe a fixar poboación, e incentiva ás xeracións máis novas a desenvolver proxectos empresariais nese entorno”.
Complexo histórico-recreativo Consuelo-Boulloso
O complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso será máis que un parque de aventuras. Está pensado para que as persoas vivan unha experiencia única, con encanto, un espazo para o lecer integrado na natureza e que aproveita o legado mineiro da vila para o goce dos visitantes dende múltiples puntos de vista: cultural, deportivo, educativo e recreativo.
A tirolina recrea o antigo funicular aéreo da mina e será un elemento máis dentro dun conxunto de actividades enlazadas entre si. Atravesa o río Turía, cruzando da ladeira da mina Consuelo ata a mina do Boulloso. A espeleoloxía, xunto co sendeirismo, tamén serán outras das actividades que se fomentará no novo complexo.
De setembro a xuño poderase desfrutar da tirolina nas fins de semana, en festivos e vacacións de Nadal e Semana Santa. Nos meses de xullo e agosto funcionará de martes a domingo polas mañás e polas tardes.
A Deputación coa Pontenova
Esta colaboración económica de 300.000€ que fixo a Deputación de Lugo coa Pontenova súmase, entre outras, aos pretos de 2M€ que a entidade dedica á construción do Centro de Atención a Maiores do municipio, un proxecto que xa foi adxudicado.
Ademais, a Deputación colabora coa Pontenova neste 2022 co investimento de preto de 275.000€ que inxecta na localidade a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos. Unha cantidade económica que servirá para mellorar as infraestruturas, crear emprego, manter o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e realizar outros investimentos necesarios para dar unha mellor atención á veciñanza.