Ribadeo, 7 de febreiro de 2022. Concello e Acisa asumen neste 2022 a organización do Entroido ribadense. Será unha versión reducida, haberá baile infantil e o desfile o 1 de marzo, no que se repartirán 4.000 euros en premios. Ambas citas estarán adaptadas ás normas sanitarias fixadas en cada momento pola Xunta de Galicia.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “temos á volta da esquina as datas do Entroido, queda menos dun mes, un Entroido que desde logo non é como outro ano calquera. En primeiro lugar porque a covid aínda non se foi de todo, a día de hoxe seguimos baixando en incidencia, pero aínda temos numerosos casos que afortunadamente non son situacións tan graves como foron non hai moito tempo. E pola outra banda, porque tampouco houbo comisión de Entroido que puidese facer todas estas actividades previas de recadación de diñeiro para sufragar os diferentes custos que ten o evento. Aínda que o Concello sempre apoia de xeito importante, pero desta volta non tivemos a quen apoiar porque precisamente non houbo comisión”.
O rexedor anuncia que “foi polo que neste ano o Concello de Ribadeo e Acisa, diante da falta de comisión organizadora, decidimos traballar conxuntamente unha vez máis para que, aínda que con formato reducido e adaptado ás circunstancias da pandemia, a veciñanza poida gozar deste festividade. De aí que non vai haber estas previas como a festa dos freixós, o día do cocho ou a Queima, non van ser posibles nesta edición, pero si faremos actividades para os nenos e as nenas como un baile infantil, que vai ser no Rosalar, como tamén faremos o desfile do Entroido para o Martes de Carnaval”.
Suárez Barcia sinala que “nesta edición repartiranse algo máis de 4.000 euros en premios, que faremos públicos nas bases ao longo desta semana. Pero queremos resaltar que, no contexto da pandemia no que estamos a vivir e onde debemos conxugar a precaución co lecer, a programación queda supeditada á normativa sanitaria vixente da Xunta de Galicia. Así polo tanto podemos avanzar que, para velar pola seguridade seguindo os protocolos que hoxe en día están vixentes, para o baile infantil as persoas adultas acompañantes terán que presentar o certificado covid para acceder á sala de festas Rosalar e os nenos e as nenas maiores de seis anos deberán usar tamén a máscara. Con respecto ao desfile do Martes de Entroido, será obrigatorio o uso de máscara tanto para os participantes como para o público incluíndo tamén as charangas e as comparsas.
Nestes vindeiros días faremos públicas as bases e as fichas da inscrición, pero para máis información xa desde hoxe poden consultar nos teléfonos ben do Concello ou ben da asociación de comerciantes, ou nos respectivos correos electrónicos”.