Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso reclama en Burela “máis implicación” da Xunta para “garantir a supervivencia” da flota pesqueira nun momento “crítico”

Burela, 04 de febreiro de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou hoxe “máis implicación” da Xunta co sector pesqueiro, que demanda apoio nun momento “crítico” para “garantir a súa supervivencia”. Así o dixo logo dun encontro co sector pesqueiro en Burela, onde estivo acompañado do alcalde da localidade, Alfredo Llano, e a portavoz de Pesca no Grupo Socialista e secretaria de Pesca na CENG, Patricia Otero, ou o parlamentario no Congreso Javier Cerqueiro.

O responsable socialista escoitou hoxe ao sector para “concluír que hai que esixirlle á Xunta maior implicación” cun sector no que “fallan os incentivos para a captación de persoas que queiran enrolarse nos barcos galegos”. Reclamou que faciliten a incorporación á actividade reducindo carga administrativa, simplificando o proceso formativo ou a homologación de titulacións”, coordinándose co resto de comunidades autónomas costeiras e co Ministerio de Pesca.

En definitiva, urxiu á Xunta que pase a “escoitar ao sector” como medida “prioritaria”, e avogou por “protexer” á pesca galega, un sector “moi querido pola cidadanía de Galicia”, e “facer suficientemente atractivo enrolarse nun barco galego”.

González Formoso dirixiuse á localidade luguesa, onde residen máis de 1.200 persoas que traballan enroladas en buques pesqueiros de Celeiro e Burela, continuando coa rolda de contactos cos colectivos representativos do tecido produtivo primario de Galicia. O líder dos socialistas galegos mantivo este encontro ao que acudiron representantes da Federación de Confrarías, así como responsables dos produtores pesqueiros e de armadores de Celeiro e Burela.

Exit mobile version