A edil de Cultura, Pilar Otero, dixo na presentación do evento que “LAD Dance Company presenta o ciclo Ribadeo en Danza dentro da programación cultural do trimestre desenvolta pola Concellaría de Cultura. Trátase dunha fin de semana completa dedicada ao público de Ribadeo, e de quen queira achegarse á vila estes días, con dous espectáculos das distintas disciplinas que a compañía ten no repertorio”.
A concelleira ribadense explicou que “o sábado 12 poderemos asistir á obra Caos, coreografiada por Iago Alonso e Pablo del Pozo e interpretada por eles mesmos máis o bailarín Isaac Amorós. É unha peza de danza contemporánea onde nos mergullaremos na orde que podemos atopar dentro do caos en moitos ámbitos diferentes. Creada cunha estética sinxela que permite aos espectadores descifrar cada escena libremente, obtendo así un amplo abano de interpretacións, todas elas válidas”.
Otero Cabarcos seguiu a relatar que “o domingo 13 poderemos gozar do espectáculo de danza urbana Iconic, dirixido e coreografiado por Pablo del Pozo García. Forma parte dunha serie de espectáculos baseados en cancións, movementos e shows icónicos das grandes divas do Pop internacional. Nesta ocasión levarán á escena a esencia da icona mundial Beyoncé, ofrecendo un traballo con enerxía, sensualidade e apoderamento, con momentos de música en vivo e unha experiencia audiovisual traballada minuciosamente para compartir unha peza completa sendo fiel aos traballos da artista”.
Os dous espectáculos comezarán ás 20.00 horas e terán un prezo de entrada de 4 euros.
A concelleira subliñou que “a maiores, a Concellaría de Cultura quixo tamén vincular neste evento ao alumnado da área de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que participará en tres obradoiros: o venres 11 ás cinco da tarde, danza clásica; o sábado 12 ás once da mañá, danza contemporánea; e o domingo 13 tamén ás once da mañá, danza urbana. A estes obradoiros o resto do público pode asistir como espectador”.
Pilar Otero contou que “dirixida por Iago Alonso Abad e Pablo del Pozo García, LAD Dance Company xorde para brindar a oportunidade a bailaríns, tanto profesionais como en formación, de formar parte de espectáculos en vivo e crear un traballo de calidade para impulsar os novos talentos ao mundo laboral no sector da danza. Tamén busca achegar a danza á Mariña, terra natal de Iago Alonso, que ten como obxectivo compartir os seus procesos creativos coa súa zona”.
E engadiu que “Iago Alonso Abad, nacido en Foz (Lugo), é director artístico de LAD Dance Studio, coreógrafo e bailarín profesional. Titulado como técnico das ensinanzas profesionais de danza nas especialidades de danza clásica e contemporánea. Formado con grandes mestres internacionais. Traballou como bailarín en compañías como o Centro Coreográfico Galego, Ballet Norte ou Joven Ballet de Galicia, entre outros, desempeñando papeis como solista e corpo de baile tanto en producións clásicas como contemporáneas. Formou parte de producións con coreógrafos recoñecidos no panorama nacional e internacional. Actualmente, é bailarín en activo e dirixe a sua propia compañía de danza. Pola súa banda, Pablo del Pozo García, nacido en Toledo, é director artístico e fundador de LAD Dance Studio. Coreógrafo e bailarín profesional, especializado en danza urbana e contemporánea, formado en diferentes puntos de España, entre eles Madrid, Barcelona, Galicia e León. Especializado en produción de espectáculos e rexiduría de teatro en danza pola universidade San Jorge en Zaragoza e títulos de experto en pedagoxía da danza e do movemento. Foi coreógrafo en produtoras e ten participado en eventos de Mediaset, Netflix e Atresmedia como bailarín. Actualmente é bailarín en activo, dirixe a súa compañía e dedícase á produción de espectáculos en vivo e proxectos audiovisuais”.