Foz, 10 de febreiro de 2022. O restaurante Dandy acolleu a entrega de premios aos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2021, organizado por AciaFozCCA.
Electricidad Núñez gañou o concurso. O segundo posto foi para Antigüidades Álvarez e o terceiro compartírono dous negocios: Viajes Rodríguez e Amarena.
O xurado decidiu outorgarlle un premio especial a Pastelería Anduriña “pola súa decoración interior” e tamén a Fauna “pola súa orixinalidade”. Os gañadores recibiron diplomas acreditativos e agasallos de cerámica.
Os premios foron entregados polo concelleiro de Comercio, Chema Linares, polo presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, e pola secretaria da asociación, Olaya Pedrosa.
José Carlos Paleo e Chema Linares agradeceron a participación e o esforzo realizado polos locais para encher de luz e de maxia os seus escaparates e pola súa contribución a crear un agradable ambiente de Nadal. E subliñaron a importancia que o comercio local ten para seguir dándolles vida aos pobos. Paleo e Linares animaron a celebrar o San Valentín no comercio local e na hostalería de Foz, “o comercio fai pobo”, indicou o presidente de AciaFozCCA.
Doces afrodisíacos
Para celebrar San Valentín AciaFozCCA organiza unha nova edición das xornadas dedicadas aos doces afrodisíacos do 11 ao 14 de febreiro. Serán elaborados por tres pastelerías (Amarena, Anduriña e Xoyma), terán un prezo de 2 euros e entre os clientes que os compren sortearanse 10 vales de compra de 50 euros cada un. O sorteo será en RadioFoz o día 16 de febreiro, mércores.