Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregadas dúas vivendas de promoción pública en Viveiro e Mondoñedo

Mondoñedo, 8 de febreiro de 2022. A Xunta de Galicia entregou hoxe senllas vivendas de promoción pública nos municipios de Viveiro e Mondoñedo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega de chaves aos novos adxudicatarios.

Arias explicou que unha das prioridades do Goberno galego “é facilitar á poboación o acceso á vivenda”, mediante os programas de axudas para a adquisición dun inmoble, ou en réxime de alugueiro, grazas ás 6.200 vivendas que integran o parque público que xestiona a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na provincia.

Así, en Mondoñedo entregouse unha casa unifamiliar situada na Praza dos Muíños, de 102 m2 e con tres dormitorios, e en Viveiro un apartamento de 47 m2 na rúa O Pedregal, con dúas habitacións, garaxe e trasteiro. Ambas adxudicáronse en réxime de alugueiro.

As persoas interesas en optar a futuras adxudicacións deben estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes, trámite que poden realizar en calquera momento tanto de xeito presencial como a través da sede electrónica da Xunta. Os listados de candidatos determínanse mediante un sorteo ante notario entre todas as persoas inscritas.

O delegado territorial sinalou que neste momento están convocados dous programas de apoio en materia de vivenda protexida. O primeiro consiste en achegas dirixidas ás comunidades de propietarios para a reparación, a rehabilitación ou adaptación dos edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de abril.

O segundo subvenciona a compra de vivendas protexidas por parte dos adquirentes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica e o prazo de solicitude permanece aberto ata o día 30 de setembro.

Exit mobile version