Site icon Crónica3.com A Mariña

Endesa asina un preacordo con Alcoa de 10 anos de subministro de enerxía 100 % renovable para a planta de San Cibrao

As Pontes, 21 de febreiro de 2022. Endesa e Alcoa asinaron un preacordo de subministro de enerxía 100 % renovable por 10 anos para a planta de aluminio primario que a multinacional estadounidense ten en San Cibrao, na costa norte de Galicia. O subministro comezará en 2024, no que Alcoa prevé reiniciar a súa produción e arrancar as cubas de electrólise despois de dous anos paradas.

O preacordo ofrece unha tarifa estable e competitiva e prevé o subministro de ata 1.349 xigavatios hora (GWh) por cada un dos 10 anos, equivalentes a unha potencia en carga base de 154 megavatios (MW). Para asumir este compromiso, Endesa farao do xeito máis sostible posible a través dos proxectos de enerxía eólica que a filial renovable da compañía, Enel Green Power España (EGPE), está tramitando en Galicia e que xerarán máis de 900 MW de nova capacidade renovable, creando emprego durante a súa construción e uns 60 postos de traballo na súa operación, primando a contratación de man de obra local.

Os proxectos de enerxía eólica asociados a esta colaboración, executados por Enel Green Power España, dispoñen de acceso e conexión á rede de transporte e están en tramitación administrativa. Neste sentido, a Xunta de Galicia foi informada do preacordo entre ambas compañías e ocuparase da coordinación para o avance do proxecto a plena satisfacción de todas as partes implicadas.

O preacordo bilateral enmárcase no plan de Alcoa para reactivar a produción de aluminio primario en San Cibrao a partir de 2024 nun contexto alcista do prezo da enerxía, asegurando tarifas estables coas que se axuda á competitividade da industria galega e ao complexo industrial de Alcoa, establecido en 1980 a cabalo entre os municipios lucenses de Cervo e Xove.

“Os contratos a longo prazo convertéronse nunha ferramenta fundamental para mitigar riscos vinculados aos prezos e dar estabilidade a longo prazo na cobertura das necesidades enerxéticas dos nosos clientes”, sinala Javier Uriarte, director xeral de Comercialización de Endesa. Ademais, engade, “este instrumento, unido ao asesoramento sobre mercados enerxéticos, permítenos consolidar a nosa relación con Alcoa con este novo precontrato que reafirma a aposta de ambas compañías pola sustentabilidade e polo desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Esta comunidade é un dos territorios históricos de Endesa, polo que para nós constitúe unha satisfacción moi especial poder contribuír co noso subministro a asegurar a actividade dunha empresa tan relevante como Alcoa”.

Compromiso coa sustentabilidade
Endesa aposta firmemente pola transición enerxética e adiantou dez anos, a 2040, o compromiso de emisións cero, anticipándose unha década ao límite marcado pola Unión Europea para eliminar os gases de efecto invernadoiro. Xa en 2024, o 92 % da produción de enerxía peninsular de Endesa será libre de emisións de CO2.

De feito, a enerxética dispón actualmente de 565 megavatios instalados en Galicia repartidos entre 23 parques eólicos, cuxa produción sumou o ano pasado 1.386 GWh. E é que o proceso de descarbonización está cambiando a maneira de producir electricidade; por iso a compañía tomou a decisión de pechar todas as térmicas de España dando o relevo a parques renovables e levando a cabo unha transición xusta. A central térmica das Pontes será exemplo diso: mediante o Plan Futur-e, Endesa mitigará o impacto de dita transición e reactivará o tecido socioeconómico do norte da provincia coruñesa.

O compromiso de Endesa coa sustentabilidade tamén queda reflectido no feito de que o 89 % do investimento previsto para os próximos tres anos está directamente relacionado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, aliñando, por tanto, a súa estratexia de sustentabilidade a este marco universal.

Endesa xestiona actualmente, a través do EGPE, 8.389 MW de capacidade renovable instalada en España, que inclúen: 4.672 MW de enerxía hidráulica convencional, 2.546 MW de eólica, 1.097 MW de solar e 75 MW de enerxía minihidráulica.

Exit mobile version