Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituída a “Plataforma de veciñ@s afectad@s pola macro central hidroeléctrica do Xistral”

Alfoz, 19 de febreiro, 2022. O día 11-02-2022 consitúese en Alfoz de forma oficial a “Plataforma de veciñ@s afectad@s pola macro central hidroeléctrica do Xistral”.

Creamos esta plataforma coa intención de acercar ao conxunto da cidadanía un punto de encontro para tratar, organizar e propoñer todo tipo de actos informativos e reivindicativos relacionados co anteproxecto “Anteproyecto de central hidroeléctrica reversible Xistral”.

Esta Plataforma constitúese como un movemento apartidista, pluralista, inclusivo, equitativo e respectuoso coas opinións dos que forman parte da mesma.

Somos un colectivo sen ánimo de lucro, de carácter asembleario e de libre adhesión, que xunta a tódolos cidadáns e colectivos que estean sensibilizados coa finalidade da nosa Plataforma, sen intereses particulares nin partidistas.

A finalidade desta Plataforma é a de informar aos cidadáns da magnitude deste anteproxecto e as súas consecuencias reais desde o punto de vista paisaxístico, patrimonial, medioambiental, económico, social, etnolóxico e cultural, así como axudar ás persoas afectadas na defensa dos seus dereitos.

O obxectivo da Plataforma é o de defender a nosa comarca, e particularmente O Valadouro e Alfoz , do espolio ao que se pretende someter.

Consideramos que é unha irresponsabilidade ignorar as enormes consecuencias negativas que este proxecto pode provocar sobre o noso territorio, as poboacións, a despoboación, a paisaxe, a biodiversidade, o patrimonio público, os recursos e sobre os ecosistemas dos que dependemos.

Por iso, o noso lema segue e seguirá sendo: “A terra non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos”.

Convidámosvos a seguir a nosa páxina en facebook “Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral”, na que iremos compartindo toda a información da que dispoñemos e tamén os actos informativos da plataforma

Exit mobile version