Lugo, 16 de febreiro de 2022. A escola de San Cosme de Piñeiro, na Pastoriza, loce renovada tras as melloras realizadas polo Concello co financiamento das áreas de Cultura e Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A vicepresidenta Maite Ferreiro e a tenente alcalde pastoricense, Elva Carrera, achegáronse ata a instalación para comprobar o resultado das intervencións realizadas nos últimos meses co obxectivo de mellorar a confortabilidade dun espazo empregado habitualmente pola veciñanza da parroquia para reunións e para obradoiros e actividades promovidas desde a área de Servizos Sociais do Concello.
A reforma incluíu a renovación dos ventanais e a instalacións dun falso teito para mellorar o illamento térmico do edificio e o acondicionamento do interior, co pintado das paredes a dotación de mobiliario novo. Ademais, mellorouse a entrada para facilitar o acceso da veciñanza.
Maite Ferreiro sinalou a “importancia de manter nas mellores condicións estes espazos que teñen un grande valor simbólico para a veciñanza porque acolleron escolas unitarias e que cumpren un papel fundamental ao acolleren as actividades e programas que se organizan desde os concellos cheguen a todas as parroquias”.
Elva Carrera destacou que “é prioritario organizar este tipo de actividades para que a persoas de mediana idade poida manterse física e psiquicamente activos, e poder socializar sobre todo despois de todo o tempo que levamos de illamento”
O acondicionamento da escola supuxo un investimento de máis de 21.000 euros.