O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase satisfeito cunha obra moi demandada nunha rúa “á que lle facía moita falta. Estamos traballando por mellorar o viario municipal, no casco urbano e nas parroquias. Esta rúa, moi céntrica e utilizada, presentaba un deterioro moi importante. Estamos a primar os accesos peonís en cada obra que facemos, tal e como actuamos na rampla do asilo e como veremos nas beirarrúas ao cemiterio, na Costa do Castro, que comezará en pouquiños días”.
O rexedor municipal avanza que “queda moito traballo por facer, xa que as infraestruturas de Foz estaban moi deterioradas e a intención do Concello é poñernos ao día, facer pobo, que cada vez Foz -todo o territorio- sexa máis atractivo para as veciñas e veciños, máis cómodo para vivir”.
Fran Cajoto engade: “xa o fixemos no 2020, continuamos no 2021 e seguiremos no 2022, primando investimentos naquelas necesidades máis urxentes. Se lle fixeramos caso ás esixencias do Partido Popular non poderiamos acometer a reforma da rúa Limoeiros: no 2020 e no 2021 o voceiro do PP pedía que dedicáramos o Plan Único a axudas a fondo perdido. Sempre cremos que a mellor forma de axudar é o investimento: en eventos, en cultura, na mellora de servizos, na mellora de infraestruturas. Este ano 2022 o PP xa mudou o discurso, porque lle interesa. Nós seguimos, con seriedade e honestidade, co plan de goberno marcado. Do Plan Único do 2022 134.000 euros van destinados á mellora de distintas rúas da vila e 136.000 a viais en seis parroquias. Ademais con 49.000 euros de fondos do Agader e o IVE, que aportará o Concello, melloraremos dous viais no barrio do Chao, en Santa Cilla, e outro en Mourente San Martiño. Coas baixas das obras adxudicadas -que curiosamente e de forma inexplicable antes non existían- puidemos aglomerar a rúa da Báscula, o Camiño da Cadra e camiños en Vilaronte e en Nois, por exemplo. Seguiremos traballando nesta liña”.
O Concello de Foz pide desculpas a veciñas e veciños da rúa Limoeiros e a todos os usuarios dese vial polas molestias que se lles van causar durante a execución dos traballos.