Ribadeo, 24 de febreiro de 2022. Estes días dan comezo as obras de construción do carril bici que unirá a praia dos Bloques coa zona do faro. O orzamento ascende a 320.000 euros, que asumirán a Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo. Para o alcalde, Fernando Suárez, trátase dunha actuación moi importante, que se converterá nun novo reclamo turístico.
O rexedor contou que “estamos dando comezo nestes días ás obras de construción do carril bici entre o centro urbano da vila e a praia de Rochas Brancas, na Illa Pancha. Este proxecto, que ascende a uns 320.000 euros e que está financiado pola Deputación de Lugo e polo Concello de Ribadeo, despois do proceso licitación a obra foi adxudicada á empresa Asfalgal Técnicas Viarias”.
Suárez Barcia explicou que “consiste na adaptación como vía ciclista dun traxecto de 4 quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do Faro, bordeando toda a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como O Cargadeiro ou o forte de San Damián. Para iso vaise habilitar un carril bici bidireccional de 2 metros e medio de ancho a partir do forte de San Damián mentres que no resto do traxecto vaise optar por harmonizar o paso de vehículos e de bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista. E tamén o traxecto vai ser transitable a pé, por suposto, polas beirarrúas e polos pasos peonís. Para completar esta ruta circular vaise incluír tamén o aglomerado asfáltico do treito comprendido entre a praia de Rochas Brancas e o encontro coa estrada provincial, en Vilaselán”.
O alcalde subliñou que “esta importante actuación vai mellorar as condicións de uso e de seguridade dun espazo que xa viña sendo empregado pola veciñanza, en especial pola xente moza, para o paseo a pé e outras actividades físicas; e máis agora, despois da pandemia que vivimos, cando toda a xente quere máis espazos de lecer, de paseo, para practicar o deporte, etcétera. Por iso estamos convencidos de que esta senda ciclable vai ser un reclamo turístico máis para Ribadeo nun momento de auxe do turismo activo”.