Na reunión tratouse polo miúdo o proxecto, que discorre case de forma íntegra polo termo municipal de Foz, nas parroquias de Cangas, Nois, Fazouro e en menor medida en Forxán.
Fran Cajoto especificou que “un dos puntos principais a tratar foi a mellora da permeabilidade dos enlaces de Foz -situado en Forxán, preto da actual rotonda de Pardiñas- e de Cangas, sobre a LU-162 Ferreira-Cangas. O Concello trasladou a necesidade de construír sendas seguras para peóns e ciclistas para que os enlaces de Foz e Cangas non constitúan unha barreira para os veciños e veciñas da zona. Tamén se trataron outras cuestións, como a reposición de distintos camiños que se verán afectados polas obras e a necesidade dun bo trazado no desvío da estrada provincial LU-P-2004, que une Nois con Cordido e que constitúe o vial de comunicación principal para moitos veciños”.
O alcalde de Foz agradece “a boa disposición para atender estas e outras peticións, que tratan de mellorar o proxecto naqueles puntos que poidan resultar máis prexudiciais para o veciños. É un proxecto fundamental, estratéxico, para o noso concello. Cando a autovía sexa unha realidade vamos liberar de tráfico as travesías de Fazouro, Nois e Cangas, moi poboadas e que constitúen un grave risco de seguridade, con puntas de circulación de 15.000 vehículos ao día. Ao respecto, tratouse na reunión tamén as demandadas rotondas de Cangas, no cruce de Gralleira-Ribela e no cruce da estrada da Costa coa estrada a Ferreira. Son unha necesidade e o compromiso é axilizar os trámites no Ministerio. Estamos detrás da súa construción, polo perigo que supoñen actualmente eses dous cruces”.
Augas de Galicia
O Concello de Foz reunirase tamén na vindeira semana coa directora de Augas de Galicia e técnicos do organismo, para tratar o avance na tramitación da depuradora, a legalización da captación de Cordido e o aumento de caudal na captación do río Ouro. Neste sentido, o alcalde pide “respecto ao Concello e aos seus técnicos, que están tratando a captación do río Ouro co organismo competente, Augas de Galicia, que pertence á Xunta de Galicia. Ante calquera anteproxecto ou proxecto sempre traballamos de forma seria, co organismo competente, que neste caso é Augas de Galicia. O voceiro local do Partido Popular está buscando titulares, nós imos seguir co traballo real. O anteproxecto da central hidroeléctrica reversible Xistral está nunha fase de consultas previas a un borrador de anteproxecto -aínda non está publicado o anteproxecto definitivo, que sairá a alegacións-. O Concello vai preparar alegacións cando corresponda: estaremos vixiantes e na reunión do vindeiro xoves imos solicitarlle aos técnicos de Augas de Galicia que prioricen a ampliación de caudal para abastecemento humano a calquera outra petición de extracción de auga do río Ouro. Espero que o señor voceiro do PP faga o mesmo cos responsables que pertencen á súa mesma formación política e se deixe de trucos, enredos e malabares. O desexable, aínda que non esperable, sería que axudara algo á comarca e, por asociación, tamén a Foz, e que presionara á Xunta para que Altri veña para A Mariña”.