O martes de entroido o máximo órgano entre congresos do PP estatal convocará o seu Congreso Extraordinario para os vindeiros 2 e 3 de abril, abrindo un periodo até o 16 de marzo para a presentación de candidaturas á Presidencia estatal do partido. Polo que sabemos, xa se ten acadado un pacto entre os baróns territoriais para que non haxa máis candidato ca Alberto Núñez Feijóo.
O cargo de presidente do PP estatal é incompatíbel coa presidencia do PP galego, polo que cómpre prover axiña á sucesión orgánica do Presidente da Xunta. E, ao tempo, a persoa que sexa elixida presidenta do PP galego enténdese investida de pleno Dereito como candidata á Presidencia da Xunta. Xa que logo, semella que a elección de Núñez Feijóo como presidente estatal do PP suporá a súa demisión como presidente da Xunta e mesmo como deputado no Parlamento de Galicia. Deste xeito ráchase o compromiso do Presidente Núñez Feijóo coa cidadanía galega. Cando dixo “…es mayor mi compromiso con Galicia que con el partido” (El País, 26.02.2020) seica non dicía a verdade.
Castelao-o líder político da Galicia moderna- adoitaba lembrar nos seus últimos anos esta idea do seu antigo amigo, galeguista de dereitas Vicente Risco “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo…non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamáis poderás concibir nada grande”. Porque, verdadeiramente, é chocante, despois de 13 anos de maiorías absolutas (a derradeira, cun 47,5 % dos votos), dicirlle ao teu pobo, ás persoas que partillan canda ti a cidadanía galega “marcho, que teño que marchar”. Chocante e triste.
Seica tiña razón o profesor Antón Losada (USC) cando nos dicía no xornal Noticias de Navarra en xullo de 2020, poucos días antes das eleccións nacionais galegas, que Núñez Feijóo non había rematar o mandato cidadán de xeito ningún. E seica até podería ser verdade o que din outras persoas analistas cando opinan que Núñez Feijóo volta a Madrid, onde en realidade pertence. Back where you belong.
Porque para unha persoa deste País non pode haber servizo público máis preciso, honesto e eficiente ca server no Goberno de Galicia ou en calquera das súas Administracións locais. Mais, se o Presidente do Goberno galego acredita que marchar para aló é o seu deber, principiamos entender o que pasou coas Caixas, Pastor ou Gallego. E máis entender a subordinación no plan de goberno de Feijoo da lingua, cultura e desenvolvemento empresarial galegos e o feito de non acadar nin reclamar ningunha competencia ou servizo adicionais. Mesmo as que lle deixou acordadas co Goberno Zapatero o vicepresidente Anxo Quintana na mesa de Alfonso Rueda en abril de 2009.