Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela inviste máis de 39.000€ na reparación integral de beirarrúas en varias localizacións da vila

Burela, 9 de febreiro de 2022. O Concello iniciou esta semana os traballos de reparación integral de beirarrúas nas rúas Castelao e Beiramar e na zona dos Castros. O investimento ascende a 39.000 euros procedentes de fondos municipais dos remanentes de tesourería. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, subliña que se trata dunhas obras moi necesarias.

O edil burelés contou que “esta semana comezamos unhas obras que cremos que son moi necesarias. Trátase da reparación de beirarrúas. O importe da licitación da obra foi 39.491,47 euros e abarcan un tramo da rúa Castelao, outro da rúa Beiramar e outro na zona dos Castros”.

Fernández Rey salientou que “estas reparacións eran moi necesarias posto que ben pola antigüidade da beirarrúa estaban bastantes plaquetas xa soltas, ben polo afundimento do terreo polo que estaba aberta a beirarrúa e era un perigo para os viandantes ou ben tamén polo mal uso que se fan das beirarrúas ao subir os coches, algo que ocasiona que as plaquetas se movan”.

O concelleiro de Obras dixo que “xa levamos tempo traballando neste aspecto intentando mellorar moitas beirarrúas, que somos conscientes de que están en mal estado, e seguiremos traballando nesta liña. Ademais disto, a brigada de Obras está facendo un gran traballo intentando solucionar todos os problemas que están xurdindo en diferentes beirarrúas da nosa vila. Pero isto, que agora iniciamos, son reparacións integrais que eran moi necesarias e que xa anuncio tamén que imos seguir traballando neste aspecto durante os próximos meses. Estamos á espera dun proceso de licitación de obras moi importante a partir das próximas semanas que iremos anunciando e esperemos ir solucionando estes problemas de beirarrúas que imos tendo no pobo”.

Ramiro Fernández engadiu que “estes fondos son municipais procedentes do remanente de tesourería que ten o Concello de Burela e que estamos usando para facer todas estas obras, e que demostran a boa xestión económica que estamos facendo desde o grupo de goberno, que nos permiten facer uso de todos eses aforros e remanentes que temos no Concello para ir mellorando Burela día a día”.

O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, supervisaron esta mañá os traballos de reparación de beirarrúas que deron comezo estes días.

Exit mobile version