Site icon Crónica3.com A Mariña

Belén Lorenzo, gañadora da XIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada en Ribadeo

Ribadeo, 20 de febreiro, 2022. O mércores 16 de febrero, Ribadeo foi unha das 5 sedes onde se celebraron as probas correspondentes á fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía, actividade na que participa alumnado de 4ºESO, 1º e 2º bacharelato e que está organizada pola AEPECT (“Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra”), en colaboración coa SGE (Sociedad Geológica Española).

Pola mañá, tivo lugar a fase práctica: unha Xincana Xeolóxica na Praia das Catedrais e ás 3 da tarde, realizouse a proba teórica no IES Ribadeo Dionisio Gamallo, simultáneamente coa Facultade de Bioloxía de Santiago, a Facultade de Ciencias da Coruña, a E.M.E de Minas de Vigo e a Facultade de Ciencias de Ourense.

Despois, mentres os correctores facían o seu traballo, o alumnado participou nun taller de Fluorescencia Mineral impartido polo Doutor en Xeoloxía Fran Canosa e finalmente chegou o momento dos premios, diplomas e agasallos do Concello de Ribadeo e da U.S.C. para tódolos participantes. Foron entregados polo propio Francisco Canosa, por Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Educación e Igualdade do Concello de Ribadeo e polo director do instituto ribadense Modesto Refojo Alvariño.

A gañadora foi Belén Lorenzo Pérez, alumna de 1º bacharelato do IES María Sarmiento que será a represente da Mariña na fase nacional que terá lugar o día 26 de Marzo en Almería.

O segundo posto foi para Nieves Cobelo Requeijo, alumna de 1º bacharelato tamén do IES María Sarmiento. O terceiro, para María Modesta Pardo Burgués, alumna de 2º Bacharelato do IES Fontem Albei da Fonsagrada e recibiu un accesit Bruno Llano López de 4º ESO tamén da Fonsagrada.
Finalmente, o premio para o mellor equipo recaeu en 4, dos 8 alumnos ribadenses participantes: Ramón López Ondina, Gonzalo Veiga Otero, Daniel Díaz Castro e Angel Muiña López, que a pesar de ser dos máis pequenos, xa que cursan 4º ESO, fixeron un gran papel en conxunto.

Desexámoslle moita sorte na fase nacional a Belén Lorenzo, representante da Mariña na fase nacional. E a tódolos participantes, noraboa polo seu esforzo e por colaborar de xeito voluntario nunhas olimpíadas que pretenden fomentar o interese pola Xeoloxía e as Ciencias da Terra e concienciar sobre a importancia da preservación do medio natural.

Exit mobile version