Con esta aprobación, que deberá ser ratificada no pleno que se celebrará mañá luns, Barreiros dará cumprimento á obriga legal establecida pola normativa estatal e galega, dentro do prazo establecido pola mesma; converténdose así na primeira administración local da provincia de Lugo en cumprir con tal requisito.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, explica que “esta iniciativa non responde só ao cumprimento dunha obriga legal, senón ao compromiso deste goberno municipal de dotar a Barreiros de políticas de igualdade. E, para iso – insiste- debemos ser exemplares e amosar que facemos realidade ese compromiso empezando pola propia casa”.
Este fito comprende o primeiro paso para traballar na dimensión interna da política local, incorporando a perspectiva de xénero na cultura organizativa e laboral do Concello. Deste xeito o Concello de Barreiros comprométese a implementar unha serie de medidas nos vindeiros catro anos co obxectivo de garantir un Concello libre de discriminacións, desigualdades por razón de sexo e de violencia de xénero.
Resultado dun procedemento participativo de goberno e representantes de persoal.
A elaboración de dito plan iniciouse no mes de xullo de 2021, prolongándose durante varios meses para dar seguimento de todos os pasos legais que marca a normativa vixente en igualdade a nivel estatal e laboral. A finais do ano 2021 constituíuse a Comisión Negociadora de Igualdade, contando con representación legal do persoal laboral, do funcionariado e do Concello.
Tras a elaboración dun informe diagnóstico previo, que consistiu nunha revisión da xestión dos recursos humanos (a selección, o acceso, a promoción, a política salarial, a formación, as condicións laborais, a saúde laboral, a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo, a ordenación do tempo traballado, a conciliación ou a corresponsabilidade), artellouse o documento no que se definen as medidas que tratan de eliminar calquera discriminación por sexo que se poida estar reproducindo no Concello.
O Plan ten unha vixencia de catro anos e abrangue a totalidade do cadro de persoal e todas as áreas do Concello. O documento foi elaborado de maneira consensuada, recolléndose opinións de todo o cadro de persoal mediante un cuestionario e entrevistas; negociando e validando todo o proceso no marco da comisión Negociadora, onde se conta ademais coa representación de CC.OO, UGT e CIG.